O Concello de Baiona rende homenaxe ao artista local recentemente falecido, Manuel Quintas Vergara, coñecido como “O Ferreiro”, coa colocación dunha placa na súa memoria ante o monumento de “O Mariñeiro”, unha das súas obras icónicas na vila.
A súa achega como artista altruísta levou ao Consistorio a renderlle unha homenaxe na localidade na que este singular home levou a súa arte e as súas pezas. O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a súa filla, descubriron este venres unha placa na súa memoria no monumento recentemente instalado no que será o novo miradoiro do porto pesqueiro.
O acto estivo arroupado por familiares, amigos e veciños que quixeron demostrar coa súa presenza o inmenso agarimo que lle tiñan ao escultor.
O rexedor baionés lembrou a súa figura e comentou que se merece este recoñecemento porque “O Fererriro”, como era coñecido por todos e todas, “elixiu a nosa vila para deixar o seu sinal coa súa humilde arte, aquel que levou ata todas e cada unha de nosas cinco parroquias de forma altruísta. As súas obras, representan a distintos elementos de devoción relixiosos ou colectivos e gremios entre os que se atopan cazadores, mariñeiros, facultativos de sanidade, cos que todos convivimos no noso día a día e cuxa labor en ocasións deixamos pasar desapercibida. Pero aí estaba Manolo, co seu martelo e cincel para deixar no imaxinario dos baioneses estes “modestos monumentos”. Agora cando nos atopemos con algunha desas esculturas ou botemos unha ollada ás follas do calendario 2018 acordarémonos del. Esta placa e o calendario son unha pequena homenaxe e recoñecemento ao seu labor en beneficio do noso municipio”, destacou Rodal.
Na placa pódese ler “O Concello de Baiona en agradecemento a D. Manuel Quintas Vergara “O Ferreiro” pola doazón da súa obra escultórica á Vila de Baiona”.
Rodal tamén matizou que o artista era “un dos homes que dignificou o seu oficio con traballo e lealdade. Foi un mestre do seu, un “cirurxián do ferro” que nos ensinaba na Festa da Arribada o antigo oficio ao que con orgullo pertencía”.
A homenaxe á súa figura por parte do consistorio baionés completouse coa dedicación á figura do escultor do tradicional calendario que o Concello de Baiona regala aos veciños por Nadal. Este ano, “O Ferreiro” e as súas obras son os protagonistas absolutos do almanaque.
O Concello quixo facer unha chiscadela a Manuel Quintas Vergara tras o seu falecemento como recoñecemento ao seu labor artístico polo que 12 instantáneas de 11 esculturas que deixou para o recordo nas cinco parroquias baionesas e unha do seu labor na Arribada decoran cada un dos meses do calendario que na próxima semana chegará a todas as vivendas do municipio.








