Nace o colectivo Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor

Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor é un colectivo de xente veciña, dos tres concellos do Val, que se organiza libremente para dar unha resposta coordinada á desfeita da última vaga de lumes e á situación dos montes.

O colectivo nace a partir da proposta que xurdiu co mesmo nome en Ponte Caldelas e que pretende espallarse e construír unha rede de proxectos similares que cooperen entre si cun obxectivo común: a reforestación forestal do monte con especies autóctonas.

Queremos colaborar na protección e rexeneración das zonas afectadas polos lumes, pero tamén fomentar un cambio de mentalidade con respecto á xestión dos nosos montes, baseada en criterios medio ambientais e no ben común, na protección do territorio, na recuperación dos ecosistemas, e non tanto na «produtividade», aínda que entendemos que, de xeito racionalizado e consciente, temos que ter en conta a realidade no que respecta ás necesidades de consumo e mantemento dos montes pero estamos convencidas de que pode facerse doutro xeito. O monocultivo do eucalipto e doutras especies na procura dun rendemento rápido a curto prazo destruíu os nosos montes. Queremos recuperar as carballeiras, os bosques de sobreiras, aciñeiras, freixos, teixos, acivros, buxos, loureiros, bidueiros,… e todo o que desapareceu con eles: arbustos, plantas e animais asociados aos seus ecosistemas.

Pensamos que as actuacións das institucións son lentas e ás veces insuficientes ou ineficaces. Que hai moitos intereses polo medio neste sector que fan que as administracións se perdan en debates políticos e legais que nos arredan continuamente dos obxectivos. Queremos o monte, queremos reforestalo e recuperar os nosos bosques autóctonos. Non queremos máis vagas de lumes favorecidas polo descoido, a ambición e polos monocultivos.

Estamos abertos ás proposicións das Comunidades de Montes, propietarios forestais e outras partes implicadas, e ofrecemos a nosa colaboración para diversas accións: axuda en labores de protección e rexeneración do solo; recollida, sementeira e plantación de árbores e arbustos autóctonos; presentación de proxectos alternativos de xestión forestal; organización de eventos informativos, educativos, lúdicos, busca de información técnica con persoas expertas…

Festa da exaltación da landra como proposta e protesta á eucaliptización dos nosos montes

A Festa da Landra xorde como unha idea de César Lema, doutor en bioloxía e veciño de Gondomar, que leva tempo dedicándose á divulgación e posta en valor do carballo como árbore vital e fonte de vida e riqueza do todo tipo. Reclamando a súa importancia e que ten presentando estudos e publicacións relacionados coa landra como fonte de alimentación esquecida. Por iso parte da festa vai ser a presentación e degustación de diferentes pratos cociñados con landras e plantas silvestres.

Vaise celebrar o sábado 16 de decembro en Chandebrito, lugar que foi o centro da desfeita do lume no Val Miñor e que levou por diante a vida de dúas veciñas.

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 cede o seu local. Ás 16:00 horas darase lectura ao manifesto da exaltación da landra e o carballo. Despois haberá un obradoiro para elaborar “landraguesas”, hamburguesas feitas con fariña de landra, e haberá postos con pratos cociñados a partir de derivados da landra e plantas silvestres para degustar e compartir. Rematará a festa cun serán.