A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo contabiliza un total de 325.000 quilos de comida procedentes da súa quinta Gran Recollida Solidaria (GRS2017), celebrada os pasados 1 e 2 de decembro.
Trátase de 16.000 quilos de alimentos máis que os que se recadou na edición do ano pasado cando se recibiron 309.000 quilos. Esta cifra récord confirma, un ano máis, o éxito da acción solidaria, sen dúbida, a cita máis importante do Banco de Alimentos pola súa envergadura e a súa consolidación ano tras ano.
Por zonas, en Vigo e arredores (Porriño, Mos, Moaña e Redondela) recibíronse uns 165.000 quilos de comida; en Pontevedra e as súas comarcas (Vilagarcía, Sanxenxo, Marín, Arcade, Cambados e Lalín) recolléronse 120.000 quilos de comida; no Val Miñor recolléronse 25.000 quilos de comida; e, no Baixo Miño doáronse 15.000 quilos de comida.
Agradecemento público
O Banco de Alimentos de Vigo agradece publicamente a xenerosidade demostrada pola cidadanía que novamente respondeu á chamada de abastecer de produtos de primeira necesidade os almacéns de Vigo e Pontevedra.
Así mesmo, desde a entidade quérese destacar a actitude máis que comprometida dos 2.000 voluntarios que regalaron catro horas do seu tempo os pasados 1 e 2 de decembro e facilitaron as doazóns de alimentos de primeira necesidade. Tamén quere facer unha mención especial á súa cabeza máis visible, a madriña deste ano, a presentadora de televisión Carlota Corredera pola súa entrega desinteresada, a súa calidade humana e conseguir con ela un gran impacto mediático.
Con eses 325.000 quilos recollidos, a ONG poderá seguir axudando ás 25.000 persoas desfavorecidas ás que chega na provincia, polo menos, ata primavera de 2018. Precisamente, hoxe comezan os labores de clasificación de alimentos na nave habilitada para a GRS2017 por parte dunha vintena de voluntarios. A previsión é poder ter todo ordenado a mediados de xaneiro, aínda que o desabastecemento era tan grande que xa se empezou a repartir comida entre os 150 colectivos sociais aos que axuda a ONG.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, creada en 1995, é unha entidade benéfica independente, apolítica, aconfesional e sen ánimo de lucro cuxo principal obxectivo é axudar ás persoas máis desfavorecidas.
Durante 2016, a ONG repartiu máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015. Xa nos seis primeiros meses de 2017, entregáronse preto de 1,2 millóns de quilos de alimentos na provincia de Pontevedra.

