O 112 Galicia atendeu máis de 1.300 incidencias relacionadas co paso da borrasca “Ana”

FOTO: GARDA CIVIL // Unha árbore caída sobre o tendido eléctrico na PO-331 entre Gondomar e O Porriño.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia xestionou dende as 8:00 horas de onte ata agora un total de 1.308 incidencias relacionadas co paso da borrasca Ana pola nosa comunidade.

Segundo o informe actualizado ás 10,00 h, as incidencias máis repetidas dende o comezo do temporal teñen que ver coa caída de árbores e pólas en estradas (685), actuacións de prevención de riscos dos servizos de emerxencias (109), restos de accidentes e obxectos varios (73) e cables soltos (70).

Por provincias, a que rexistrou máis incidencias foi Pontevedra con 512, seguida da Coruña con 476, Ourense con 165 e Lugo con 155. Os concellos máis afectados son, na provincia de Pontevedra, Ponteareas, Vigo, Salvaterra de Miño, Moaña, Redondela, Cangas, Soutomaior, Lalín, Pontevedra, Gondomar, Tomiño, Sanxenxo, A Estrada, As Neves e Porriño. Na provincia da Coruña, presentan máis incidencias os concellos de Arteixo, Coruña, Oleiros, Cambre, Carballo, Sada, Culleredo, Bergondo, Muros, Santiago de Compostela. Na provincia de Lugo, Vilalba, Mondoñedo, Monterros e Lugo. E na provincia de Ourense, foron Bande, Verín, Bande, Ourense, San Cibrao das Viñas

Na rede de centros infantís están suspendidas as clases na escola infantil de Oza-Cesuras pola caída da cuberta.

Incidencias nas estradas galegas

No que se refire á rede viaria autonómica, na provincia da Coruña, permanece cortado un carril da estrada AC-400 por mor da caída dunha árbore, que está a ser retirada. Xa se pode circular pola AC-552, en Sabón, tras solucionar as incidencias que causaron o seu peche ao tráfico onte pola noite.

Na provincia de Ourense, recoméndase circular con precaución na estrada OU-312, á altura do Pq. 10, onde se está a traballar para retirar unha árbore caída.Na provincia de Pontevedra, tamén se recomenda conducir con precaución na PO-407, onde se produciron arrastres na cuneta, ou na PO-552, no Pq. 59, zona na que se están a resolver as incidencias acontencidas.