Sin categoría

Baiona retira 200 quilos de residuos do río Fraga en Baredo

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, xunto con varios concelleiros do seu equipo de goberno e veciños da zona, participaron nunha xornada de limpeza do río Fraga en Baredo.

Os traballos levados a cabo consistiron na retirada manual dos residuos e lixo existente na canle do río, concienciando así na necesidade de coidar a nosa contorna, cun comportamento cívico que o protexa. Retiráronse preto de 200 quilos de refugallos.

“Foi un día de sensibilización e concienciación ambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos á vez que mostramos que as pequenas accións valen moito. Todos os nosos ríos posúen unha gran riqueza natural que debemos preservar ao máximo entre institucións e veciños”, subliña o Alcalde, Ángel Rodal.

O Concello de Baiona tamén se encargou de proporcionar o material necesario para a actividade (luvas, bolsas), e a posterior recollida dos residuos unha vez clasificados, dando traslado ao momento limpo.

Desde a Concellería de Medio Ambiente fomentouse esta iniciativa que desexa buscar a sensibilización, concienciación, educación e que permite que a cidadanía coñeza a problemática de tirar os residuos ao río e o dano que isto causa.

Da roza e limpeza íntegra dos ríos do municipio encárgase Augas de Galicia que xa no mes de outubro, antes da chegada das choivas, procedeu á limpeza dos ríos da localidade previa solicitude do Departamento de Medio de Ambiente. Unha cuadrilla de operarios do organismo da Xunta, expertos en cortar a maleza das ribeiras das canles sen danar as especies protexidas, iniciou en outubro a retirada de obstáculos vexetais no río Groba, en Belesar. Seguidamente, os traballadores continuaron polo Baíña, seguindo cos mesmos no Quirincova e terminando a finais de mes no río Fraga.

2017-12-11 - Sin título-3