Alumnos do IES Terra de Turonio participarán na última quenda de “Erasmus + Practicum Depo 2016”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación de 26 bolsas de mobilidade ao alumnado participante no proxecto “Erasmus + Prácticum Depo 2016”. Esta é a sexta e última quenda do proxecto e nela participarán, entre xaneiro e maio, 26 alumnos e alumnas procedentes de centros educativos de Gondomar (IES Terra de Turonio), Marín (IES Chan do Monte), Ponteareas (CIFP A Granxa), Pontevedra (IES Montecelo, CIFP A Xunqueira e IES Luis Seoane), de Redondela (IES Pedro Floriani e IES Chapela), Silleda (IES Pintor Colmeiro), Vigo (CPR San Miguel e Centro de Estudios Marcote).

En verbas de Carmela Silva, este proxecto, que ten un orzamento de 594.474 euros, “ten por obxectivos impulsar a mobilidade das persoas por motivo de aprendizaxe.” A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén engadiu que “o obxectivo global é levar a cabo un programa de mobilidade de estudantes graduados e graduadas de Formación Profesional de ciclos medios pertencentes a distintas familias profesionais co fin de colaborar na súa integración no mundo laboral.”

O ámbito de actuación deste proxecto é Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Portugal, Países Baixos e Finlandia e en total beneficiáronse da iniciativa, xunto con este grupo de 26 alumnas e alumnos, 101 estudantes graduados e graduadas así como 5 docentes dos centros participantes.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén lembrou que “este ano a Dirección do Servizo Español para a Internacionalización da Educación, SEPIE, concedeunos novas achegas que nos permitiron poñer en marcha un novo “Prácticum Depo”, o terceiro, no que estamos a investir preto de 900.000 euros e a través do cal imos impulsar 93 novas mobilidades ata o 31 de maio de 2019 que permitirán que tanto alumnado como profesorado de 33 centros educativos de FP da provincia poidan coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa.”

Coa terceira edición de “Prácticum Depo”, a Deputación de Pontevedra levará investidos preto de 2,7 millóns de euros para impulsar a mobilidade de ata 319 persoas, tanto alumnado como profesorado de ciclos formativos, para que poidan realizar as súas prácticas profesionais así como para coñecer a práctica docente que se está a levar a cabo noutros países da Unión Europea.

BOLSAS PRÁCTICA LABORAL

Este luns 11 de decembro, en Xunta de Goberno, tamén aprobouse a prórroga das bolsas de práctica laboral na Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia que rematan durante o mes de decembro de 2017.

En total son 165 as bolsas que se van prorrogar, das cales 36 son para bolseiras e bolseiros que están a realizar a súa primeira práctica laboral nos diferentes servizos da Deputación de Pontevedra e 129 para aquelas e aqueles que o están a facer nos concellos da provincia.

Anuncios