Adrián Valverde saíu a flote no Porriño e fíxose coa vitoria Elite

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no I Trofeo Ciclocrós Avanza - Concello do Porriño.

A semana máis intensa do calendario autonómico de ciclocrós terminou cunha alegría para Adrián Valverde. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas cruzou a liña de meta en segunda posición obtendo a vitoria Elite no I Trofeo Ciclocrós Avanza – Concello do Porriño.

Despois de non atopar o golpe de pedal que lle gustase nas últimas citas da Copa Galicia, Valverde asinou unha excelente carreira no circuíto do velódromo. O representante do conxunto miñorán recuperou a súa mellor versión nunha proba marcada pola gran cantidade de auga que descargou a borrasca “Ana” e mesmo pelexou polo triunfo absoluto.

O sub23 Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) impúxose con tan só 23 segundos de marxe sobre Valverde. O baionés finalizou cheo de barro ata as orellas e cun minuto de vantaxe sobre o elite Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro). A cuarta praza correspondeulle ao líder elite Darío Otero (Muebles Compostela), que a falta de dúas xornadas para a conclusión da Copa suma 87 puntos máis que o corredor do Club Ciclista Rías Baixas.