A Federación Galega de Bolos entregou este sábado na súa II Gala Anual celebrada no hotel A Queimada da Carrasca (Parada-Nigrán), o II Trofeo Galaico, que se entrega anualmente a unha institución, medio de comunicación, dirixente deportivo, xogador/a, etc., e que este ano foi concedido ex aequo á Deputación de Pontevedra e a ValmiñorTV.
A Deputación de Pontevedra, pola promoción, fomento e impulso do deporte base a clubs deportivos da provincia e concretamente aos clubs de bolos celta, así como as axudas recibidas para a realización de diversos campionatos.

O diario dixital ValmiñorTV, pola súa disposición para informar, difundir e promocionar o bolo celta a través da súa páxina dixital e así poder dar a coñecer este deporte autóctono a nivel mundial.
A deputada provincial Consuelo Besada por parte da Deputación e Alberto Rodríguez, director de ValmiñorTV, recibiron o galardón de mans do presidente da Federación Galega de Bolos, Isidro Costas.

