Nigrán estreará un vídeo sobre os incendios no concerto benéfico de Nadal

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // A Coral Novos Aires de Nigrán.

O Concello de Nigrán ofrece este sábado ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o seu tradicional concerto benéfico de Nadal con todas as corais do municipio: Novos Aires de Nigrán, Vagalume de Chandebrito, Ecos do Castelo de Parada e Stella Maris de Priegue. A entrada consiste na achega dalgún alimento non perecedoiro para que, a través de Asuntos Sociais do Concello, se destine a persoas con escasos recursos.

O Concello de Nigrán aproveitará a ocasión para estrear un vídeo de homenaxe aos afectados polos incendios do 15 de outubro. Trátase de 12 minutos de imaxes aéreas captadas por un dron no que se pode apreciar a devastación causada polo lume nas parroquias de Chandebrito, Camos e Parada.