Anuncios
Ticker de novas

Preto de 30 persoas maiores participan esta semana no programa “Depotermal 2017”

Desde o domingo 3 de decembro, e ata o vindeiro venres, 27 persoas da provincia maiores de 50 anos poderán desfrutar do programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal 2017”. Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, “DepoTermal” pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

“Depotermal” tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se benefician 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos, ou con aloxamento completo de domingo a venres.

Nesta primeira semana de decembro, na modalidade pernocta, 27 persoas de Vigo, Pontevedra, Marín, Cerdedo-Cotobade, Cangas e Nigrán, chegarán o domingo ao Balneario de Cuntis.

Durante este mes, e no que queda de ano, 4.000 maiores de 48 concellos da provincia están a gozar do programa “Depotermal” a través das modalidade diúrna e da modalidade con pernocta. Ao igual que na pasada edición ofértanse prazas gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos.

Anuncios