O “mariñeiro” contemplará a baía desde o novo miradoiro do porto pesqueiro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Monumento "Homenaxe ao Mariñeiro".

As obras da nova redistribución de acceso ao porto pesqueiro de Baiona están a piques de rematar. Os traballos consistiron na construción dunha glorieta de 28 metros de diámetro na calzada, entre Elduayen e Alférez Barreiro, o ensanche da plataforma e un novo tramo de carril bici que conectará o Paseo de Alfonso IX co Paseo Marítimo que discorre paralelo á Rúa Alférez Barreiro.

No centro da nova rotonda o Concello colocará a figura do Rei Alfonso IX, ata agora no Paseo Ribeira, polo que estará exposto no comezo do paseo que leva o seu nove e gañará visibilidade tendo un maior protagonismo. O obxectivo, que o monumento luza nun sitio privilexiado e acorde á magnitude da obra que foi inaugurada no ano 2001 con motivo do 8º Centenario da Fundación de Baiona, rememorando o outorgamento da Carta Poboa e Fundacional que o Rei Alfonso IX concedeulle á Real Vila de Baiona en 1201.

O monumento “Homenaxe ao Mariñeiro”, que estivo desde a súa instalación no ano 2004 no Paseo Marítimo, xunto o acceso ao Porto Pesqueiro, será trasladado ao novo miradoiro de 500 metros cadrados orientado cara á Ribeira que permitirá contemplar a Fortaleza de Monterreal e a baía sen apenas obstáculos. Esta nova zona de lecer e descanso substituirá á fileira de colectores que actuaba como barreira visual. Segundo sinalou o alcalde, Ángel Rodal, a figura pétrea esculpida e doada por Manuel Quintas Vergara, o recentemente falecido “Ferreiro de Sabarís”, situarase nunha das zonas axardinadas mirando cara o mar.

Os traballos tamén inclúen a renovación do mobiliario urbano con novos bancos e papeleiras e novas zonas verdes para separar os diferentes espazos. Os illotes serán decorados con diferente tipo de vexetación.

As obras dan continuidade ás actuacións levadas a cabo en Alférez Barreiro onde se crearon 55 novas prazas de aparcadoiro. Hai que lembrar que a Xunta levou a cabo o reforzo do firme en toda a travesía costeira baionesa pavimentando tres quilómetros desde a rúa Areas en dirección a Baredo. Tamén se está finalizando a construción dun novo tramo de carril bici no Paseo de Alfonso IX de 250 metros.