Os Gardacostas requisan 120 quilos de centola en Baiona

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron case 900 quilos de peixe e marisco en diversos controis realizados nos últimos días. Tamén se aprehenderon de 393 aparellos de pesca e 200 metros de artes de enmalle.

Na Costa da Morte foi onde máis comisos se rexistraron. Alí os axentes requisaron máis de 410 quilos de especies e 286 aparellos de pesca. O operativo máis destacado foi en Camariñas e alí os inspectores da Xunta requisaron 258 quilos de centola, 16 de nécora e dous de santiaguiño.

A ría de Arousa tamén foi escenario de distintos operativos nos que se comisaron máis de 139 quilos de peixe e marisco e 10 aparellos de pesca. O operativo máis relevante foi en Ribeira, onde os axentes se fixeron con máis de 24 quilos de choco, máis de 11 de faneca, 13 de centola e máis de catro de nécora.

Os gardacostas tamén realizaron actuacións na ría de Vigo onde comisaron máis de 124 quilos de especies, 22 aparellos de pesca e 200 metros de artes de enmalle. O operativo máis relevante foi en Baiona e alí fixéronse con 120 quilos de centola e todas as artes de pesca. Na zona de Cabicastro, en Pontevedra, tamén levaron a cabo un operativo que resultou co comiso de 70 nasas e de case 9 quilos de especies variadas.

Ademais na ría de Muros e Noia, incautaron case 160 quilos de marisco e cinco aparellos de pesca. O operativo máis importante foi en Portosín e alí os inspectores requisaron máis de 100 quilos de centola.

Ademais, na lonxa da Coruña, os Gardacostas comisaron case 24 quilos de pancho bicudo de talla antirregulamentaria e no porto de Ribadeo fixéronse con case 14 quilos de centola. Por outra banda, os axentes tamén realizaron inspeccións na lonxa de Barallobre e saldáronse coa aprehensión de 14 quilos de ameixa babosa, a maioría dela de talla antirregulamentaria.

Anuncios