Baiona traslada o monumento do Rei Alfonso IX á nova rotonda do porto pesqueiro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Monumento do Rei Alfonso IX.

Con motivo da finalización das obras de construción e acondicionamento da nova rotonda que dá acceso ao porto pesqueiro e permite o cambio de dirección á altura da rúa Elduayen e comezo do paseo Alfonso IX, o Concello de Baiona traslada a figura do Rei Alfonso IX a ese novo emprazamento. A súa recolocación obedece a unha mellor contextualización do monumento xa que estará exposto no comezo do paseo que leva o seu nome e polas dimensións da nova rotonda, o monumento gañará en visibilidade e por tanto terá un maior protagonismo.

Con este cambio preténdese que o monumento luza nun sitio privilexiado e acorde á magnitude da obra que foi inaugurada no ano 2001 con motivo do 8º Centenario da Fundación de Baiona, rememorando o outorgamento da Carta Poboa e Fundacional que o Rei Alfonso IX concedeulle á Real Vila de Baiona en 1201.

Esta escultura pesa aproximadamente uns 2.000 quilos e é unha das poucas obras ecuestres nas que o xinete está apeado do seu cabalo. É obra do escultor tudense Juan Oliveira Viéitez, autor tamén dos Cabalos da Praza de España de Vigo e doutras pezas que están expostas no Rockefeller Art Center de Nova York, Toronto, Ostende, Londres, Madrid, Menorca, Tui e outras localidades galegas. Pola súa contribución á cultura Galega, a Xunta de Galicia outorgoulle a Medalla de Castelao no ano 2001.

Este cambio permitirá á súa vez unha desconcentración dos monumentos situados na contorna do parque da Palma e unha reordenación do novo espazo que quedará no Paseo Ribeira.

Anuncios