Sin categoría

O PP critica os atrancos que o goberno de Gondomar lles pon ás asociacións para pedir subvencións

A presidenta do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, acusa a Paco Ferreira “de ter moi pouca sensibilidade coas entidades culturais, deportivas e sociais de Gondomar ao concederlle soamente un prazo de seis días laborables para que soliciten as axudas municipais deste ano”. Bouzós non entende o retraso en publicar estas convocatorias xa que, visto que non era necesario agardar pola aprobación definitiva da modificación orzamentaria, o puido facer con anterioridade, como se fixo en anos anteriores, onde o prazo máximo para solicitar estas axudas era de quince días.

Cabe recordar que moitas destas entidades dependen destas axudas para a súa propia subsistencia e que Gondomar conta cun gran tecido de asociacións culturais, deportivas e sociais, o que permite, grazas a elas, que se manteña unha actividade moi importante nas dez parroquias do concello.

Por iso, os populares non entenden que dende este goberno bipartito teñan tan pouco tacto cara elas, ao esquecerse destas convocatorias e facelo agora a toda presa nos derradeiros días do ano e case sen prazo para presentar as solicitudes e xustificalas.

“As asociacións de Gondomar xa teñen bastante con organizar e levar a cabo actividades durante todo o ano, como para que dende o goberno municipal non lles faciliten ese traballo, ao contrario, parece que desde o Goberno Local o único que pretenden é poñerlle atrancos”, critica a presidenta do PP local.

Neste sentido explica que, ademais do curto prazo que se lle concede ás asociacións para preparar toda a documentación e facer as solicitudes, tamén se lles obriga a xustificar as axudas antes do 20 de decembro. Tendo en conta que o prazo de presentación remata o 4 de decembro, o martes 5 debería reunirse a comisión encargada de valorar as solicitudes para emitir unha resolución, que como moi cedo se fará o 7 e se notificarán ás entidades o 11, xa que o 6 e 8 son festivos, e o 9 e 10 son fin de semana, só lles quedan para xustificar as axudas sete días laborables. Todo isto si se fixera o mais rápido posible, cousa que o Partido Popular de Gondomar dubida moito deste goberno bipartito, que se está especializando en facer as cousas a última hora, de présa e mal.

Pero isto non é todo, nas bases das axudas as entidades sociais, o prazo para presentar as solicitudes remata o 9 de decembro. Polo tanto, a pregunta é: canto tempo teñen estas entidades para xustificar as axudas? Cinco días.