Anuncios
Ticker de novas

COGAMI conmemora o Día da Discapacidade cun manifesto por unha sociedade igualitaria

FOTO: COGAMI // Xunta directiva.

Con motivo do Día Internacional Europeo das Persoas con Discapacidade, dende COGAMI e o seu movemento asociativo queren trasladar o seguinte:

MANIFESTO

Este ano a Organización de Nacións Unidas centra as accións do Día das Persoas con Discapacidade na “transformación cara á unha sociedade sustentable e resiliente para todas as persoas”, prometendo na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible “non deixar a ninguén atrás”

Dende COGAMI e o seu movemento asociativo mantemos a esperanza de que se producirá o cambio para alcanzar ese mundo inclusivo, na que a diversidade das persoas non sexa un elemento de discriminación, senón, un valor. Estamos día a día traballando de xeito constante neste reto, máis os resultados son demasiado lentos, debido a que o cambio non só depende de nós. Toda a sociedade ten que asumir a súa responsabilidade.

Hoxe é o Día Internacional das persoas con discapacidade, e seguimos a ter pendente a adopción de medidas que permitan ao noso colectivo alcanzar esa igualdade real e non sufrir discriminacións.

Unha desas necesidades é seguir reivindicando e poñendo sobre a mesa, que a accesibilidade universal é a condición imprescindible para exercer os nosos dereitos. Mañá,  4 de decembro, remata o prazo máximo que establece o Real Decreto Lexislativo 1/2013 de 29 de novembro para adecuar á cidadanía os espazos públicos urbanizados e edificacións, os medios de transporte, as contornas, produtos ou servizos de atención. Os novos xa se teñen que deseñar, proxectar ou reformar conforme as condicións. Isto, non se está cumprindo.

As persoas con discapacidade queremos participar en todas as facetas da vida, como calquera outra persoa. É importante que as políticas que se adopten dean respostas e se comprometan coas necesidades das persoas. Deben integrar un cumprimento da normativa ou mellorala dende a perspectiva dos dereitos humanos. No caso de que se incumpra, adoptar medidas sancionadoras.

COGAMI e o seu movemento asociativo quere vivir nunha sociedade xusta, igualitaria, participativa e inclusiva, por iso PROPOÑEMOS:

• Que se cumpra a Lei Xeral dos Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa Inclusión Social.

• No caso de que non exista cumprimento, queremos un sistema de infraccións e sancións que garanta os dereitos e liberdades das persoas con discapacidade.

• A necesidade de axilizar os procedementos de valoración do grao de discapacidade e  que proporcione unha cobertura xusta e equitativa.

• A garantía de que se cumpra a Accesibilidade Universal en todos os produtos, contornas, edificacións, bens e servizos, e se aposte polo desenvolvemento da Lei de Accesibilidade de Galicia.

• Aposta contundente das administracións galegas e entidades locais para garantir o dereito a un traballo digno e en condicións de igualdade para as persoas con discapacidade, dirixindo actuacións que incidan na creación de emprego nas empresas, nas entidades sociais, nas iniciativas da economía social ou de cara ao autoemprego.

• A efectiva aplicación da lei de contratación pública nas distintas administracións, para que sexa un instrumento efectivo da implantación de políticas sociais, coa aposta nas cláusulas sociais, a reserva de contratos públicos ou a garantía da accesibilidade universal e deseño para todas as persoas nas prescricións técnicas.

• Apostar pola integración e coordinación das políticas de mobilidade e a accesibilidade, que permitan o uso dos medios de transporte adaptados, que dean resposta ás necesidades de desprazamentos de todas as persoas, especialmente aquelas que viven no rural e en zonas que carecen de infraestruturas inclusivas.

• Que as nenas e nenos con discapacidade teñan garantido os seus dereitos, mediante unha educación inclusiva e os axustes razoables, apoios e recursos personalizados necesarios e que estes sexan efectivos.

• Que se adecúe o lecer da infancia e adolescencia das persoas con discapacidade na súa contorna.

• Que se garanta unha coordinación e atención sociosanitaria integral e axeitada á cada persoa que permita a calidade de vida, autonomía persoal e o mantemento da saúde en prevención de discapacidades. Queremos unha atención social e sanitaria coordinada e accesible, que nos permita tomar decisión sobre a nosa saúde e as nosas vidas.

• O compromiso e garantía da autonomía persoal e vida independente das persoas con discapacidade, reforzando e mellorando os recursos existentes.

Anuncios