Baiona tamén colabora co Juan María no Día das Persoas con Discapacidade

O Concello de Baiona, do mesmo xeito que os de Nigrán e Gondomar, colabora un ano máis co Centro Juan María na celebración do Día Internacional da Discapacidade, que ten lugar o día 3 de decembro. O alcalde, Ángel Rodal, e as concelleiras de Benestar e Deportes, Mª Carmen Paredes, e Mª Jesús Martíns, recibiron este xoves a responsables e usuarios do centro para mostrar o seu apoio á iniciativa, portando paraugas verdes alusivos á campaña.

Este ano, o Centro Juan María, xunto con entidades da provincia de Pontevedra, súmase á campaña “Baixo o mesmo paraugas”, que leva dous anos realizándose cos centros da provincia da Coruña.

O acto principal da campaña será unha gran paraguada de cores o domingo, día 3 de decembro, no Náutico de Vigo ás 12:00 horas, onde se lerá un manifesto e varios desexos das persoas con discapacidade.

Desde o Centro Juan María queren levar ao acto paraugas cheos de desexos e para iso, este xoves e venres están a pasear polas rúas dos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar para repartir “paraugas de feltro” polos comercios e recoller “desexos” sobre a discapacidade dos comerciantes e sociedade en xeral.