Zona Franca construirá en Porto do Molle dous laboratorios e unha “sala branca”

“Temos que seguir apoiando o despegamento de empresas de sectores como o aeroespacial ou o biotecnológico: teñen un enorme potencial de crecemento, xeran empregos de calidade e alto nivel de especialización, e poden ser claves na economía do futuro para Vigo e Galicia”, asegura a delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. O comité executivo da institución aprobou esta tarde a contratación da construción e os equipamentos para dous laboratorios e unha “sala branca” no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial do Parque Empresarial de Porto do Molle (Nigrán). Estarán a disposición das empresas do sector aeroespacial alí instaladas. E tamén de compañías do sector biotecnolóxico.

Unha “sala branca” é un recinto de traballo preparado para evitar calquera tipo de contaminación e manter unhas condicións ambientais determinadas cunha gran precisión. Son necesarias para o desenvolvemento de investigacións e probas de alta complexidade cuxos resultados poderían verse alterados ante a presenza de elementos como po ou outros elementos contaminantes.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo destinará ata 410.000 euros á implantación e dotación dunha sala branca de 150 metros cadrados e de dous laboratorios. Trátase dun proxecto construtivo cun alto nivel de especialización: desde os materiais para empregar en paredes e mobiliarios, por exemplo, ata os sistemas previstos para evitar a contaminación do aire con partículas ou os destinados ao control das condicións ambientais nestes espazos.

“Galicia está a facer unha aposta importante polo sector aeroespacial”, explica Teresa Pedrosa. “E Vigo ten, e debe seguir tendo, un papel fundamental nese proxecto. Contamos cun tecido produtivo no que hai empresas do sector aeroespacial, compañías que traballaron historicamente co sector naval e agora tamén se están diversificando cara ao aeroespacial. Tamén hai startups relacionadas e centros de coñecemento. Desde Zona Franca traballamos desde hai anos para impulsar o desenvolvemento deste potencial. Seguro que serán parte importante do futuro do emprego en Vigo”.

CLÚSTER BIOTECNOLÓXICO

O comité executivo do Consorcio da Zona Franca tamén deu un paso firme, na súa reunión deste xoves, no impulso ao Clúster Transfronteirizo de Biotecnoloxía Galicia Norte de Portugal (CTB). Esta entidade, da que forman parte institucións educativas e entidades vinculadas á innovación a ambos os dous lados do Miño, traballará para converter á Eurorrexión nun polo de excelencia territorial en biotecnoloxía. O Parque Empresarial de Porto do Molle acollerá ás startups e biotechs apoiadas polo CTB. Nace, con iso, o denominado Hub Biotecnológico.

“Hai equipos de traballo con emprendementos moi interesantes en materia de biotecnoloxía tanto en Galicia como no Norte de Portugal. Zona Franca vai achegar tanto instalacións como a súa experiencia en apoio ao emprendemento a estas empresas incipientes”, explica Teresa Pedrosa. “Vigo e Galicia deben apoiar ese talento para que quede aquí e xere coñecemento e riqueza na zona”.

Ao establecerse en Porto do Molle, as empresas apoiadas vinculadas ao Hub Biotecnolóxico terán acceso a zonas especializadas como os novos laboratorios cuxa dotación se aprobou hoxe. “Unha barreira para as novas empresas do sector biotecnolóxico é a carestía do acceso a laboratorios e instalacións especializadas”, explica Teresa Pedrosa. “Ao eliminar esa barreira, axudémoslles a concentrarse no desenvolvemento dos seus proxectos”.

A Zona Franca tamén achegará sistemas de titoría e formación para axudar ao crecemento das startups do sector biotech. O comité executivo da institución viguesa acordou hoxe licitar o paquete de servizos de acompañamento e formación para o desenvolvemento do hub biotecnolóxico. “É un modelo similar ao que xa está a resultar exitoso noutras liñas de apoio ao emprendemento. Ao final, o obxectivo é o mesmo: apoiar a consolidación das bases da economía do futuro”.

Anuncios