Sin categoría

O Banco de Alimentos apela á solidariedade cidadá para poder encher de comida os seus almacéns

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo apela á solidariedade cidadá para poder encher de produtos básicos de primeira necesidade os seus almacéns, hoxe desabastecidos. Mañá, venres, arranca a que será a súa quinta Gran Recollida Solidaria (GRS2017) e prolongarase, tamén, durante todo o sábado.

A acción solidaria máis importante para a ONG pola súa envergadura e loxística, desenvolverase o 1 e 2 de decembro nuns 155 hipermercados e supermercados de Vigo e Pontevedra, así como das comarcas do Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés e Deza, durante o horario comercial de cada superficie.

Uns 2.000 voluntarios mobilizaranse por toda a provincia para realizar quendas de catro horas e, cos seus petos identificativos do Banco de Alimentos, facilitarán as doazóns de comida que as persoas queiran entregar.

O obxectivo da entidade é igualar a cifra récord alcanzada durante a GRS2016, celebrada o 25 e 26 de novembro de 2016. Grazas aos 310.000 quilos de alimentos recibidos durante eses dous días, o Banco de Alimentos recuperou de inmediato o seu stock de alimentos almacenados nas súas naves de Vigo e Pontevedra, podendo seguir atendendo ás 25.000 persoas con dificultades ás que chega mes a mes, a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa.

Carlota Corredera, como unha voluntaria máis

A madriña desta GRS2017, a presentadora de televisión Carlota Corredera estará en Vigo e Pontevedra o sábado como unha voluntaria máis. “Estarei aquí recollendo alimentos o día 2 porque hai que predicar co exemplo”, explicaba durante a súa presentación na nave de San Pedro de Sárdoma, o pasado 17 de novembro.

Desde que se fixo público que a viguesa sería a embaixadora deste ano, o impacto mediático da campaña foi notable e un bo número de voluntarios déronse de alta motivados polas súas mensaxes directas en redes sociais, así como desde un dos programas que presenta, Sálvame, onde a xornalista enfundouse o peto de voluntaria e fixo un chamamento a participar na GRS2017.

Os antecesores de Corredera como embaixadores do Banco de Alimentos foron Fernando González, Gonzo, (GRS2016), María Castro (GRS2015), Luis Tosar (GRS2014) e Borja Oubiña (GRS2013).

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, creada en 1995, é unha entidade benéfica independente, apolítica, aconfesional e sen ánimo de lucro cuxo principal obxectivo é axudar ás persoas máis desfavorecidas.

Durante 2016, a ONG repartiu máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015. Xa nos seis primeiros meses de 2017, entregáronse preto de 1,2 millóns de quilos de alimentos na provincia de Pontevedra.