Charla-coloquio «O lume nos montes galegos» en Gondomar

FOTO: CHRIS DOAL // Incendio no Galiñeiro.

A creación do Voluntariado Medioambiental por parte do Concello de Gondomar abriu a posibilidade de colaboración e achegamento dunha parte da sociedade sensibilizada coa defensa do Medio Ambiente, maiormente de mentalidade urbana, ás Comunidades de Montes e ao mundo rural en xeral. «Un feito positivo que cómpre aproveitar e poñer en valor. Neste senso reiteramos o ofrecemento deste voluntariado a colaborar alí onde as CCMM afectadas polos lumes nos digan», subliña Antonio Araújo.

Como actividade inicial organizada dende o devandito Voluntariado, está prevista para este venres, día 1 de decembro, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas do IEM (Avda. da Feira nº10), unha charla-coloquio sobre o futuro dos montes despois do lume. Será impartida polo investigador do CESIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto.

«Por este motivo, dende a Concellaría de Medio Ambiente, convidamos a participar nesta charla coloquio a toda a veciñanza de Gondomar; a se anotar no Voluntariado Medioambiental e a participar nas actividades que se irán facendo de agora en diante», conclúe Araújo.