Catro zonas francas visitan Porto do Molle para coñecer os programas de apoio a novas empresas

Para coñecer a actividade do Consorcio vigués e máis concretamente os programas de apoio á creación e aceleración de empresas, o martes desprazáronse a Vigo os delegados das zonas francas de Gran Canaria, Carlos Ester, Tenerife, Gustavo González e Cádiz, Alfonso Pozuelo así como a directora xeral da Zona Franca de Barcelona, Juana Boza. A celebración deste encontro acordouse durante a celebración da XXI Conferencia Zonas Francas das Américas en Tenerife que constituíu unha excelente plataforma de contactos comerciais entre organizacións procedentes de Iberoamérica, Europa e África e entre as propias zonas francas españolas.

Na súa visita á área comercial de Bouzas, os delegados debateron sobre os réximes fiscais especiais cos que traballan nos recintos francos así como as perspectivas que se abren para aumentar estes tráficos de mercadorías co Corredor Franco do Atlántico, un proxecto de conectividade liderado pola Zona Franca de Tenerife co que se pretende mellorar a competitividade e a transferencia tecnolóxica entre as zonas francas, parques industriais, portos e centros loxísticos do eixo conformado por instalacións situadas nas dorsais atlánticas de Europa, África e América.

Teresa Pedrosa expuxo aos máximos representantes das zonas francas todo o traballo desenvolvido desde os viveiros do Consorcio, a aceleradora de empresas multisectorial ViaGalicia, a do sector de automoción BFA e a que foi deseñada especificamente para activar a internacionalización das pemes da contorna, ViaExterior así como o apoio económico que se canaliza cara aos emprendedores a través dos fondos de capital-semente en Vigo Activo.

Con ese coñecemento previo, durante a xornada do mércores a representación estivo en Porto do Molle mantendo entrevistas coas diferentes empresas instaladas no Centro de Negocios, no edificio Aeroespacial e nos viveiros industriais das naves bioclimáticas. Como explicou Pedrosa “esta combinación de programas e soportes dirixidos ao emprendemento xeraron tamén unha actividade innovadora moi atractiva para as grandes empresas que ven neste parque empresarial un lugar no que estar en contacto coas novas ideas”.