O Club Ciclista Rías Baixas arrancou a Volta á Illa de Tenerife con vitoria de Nanclares

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Nanclares na Volta a Tenerife.

O Club Ciclista Rías Baixas non puido ter mellor regreso das súas vacacións. Jesús Nanclares anotouse o triunfo no sector matinal da primeira xornada da Volta Ciclista á Illa de Tenerife. Tras a contrarreloxo por equipos de pola tarde, o berciano da entidade presidida por José Luis Chamorro ocupa a segunda posición na xeral a 4 segundos do líder, Erlend Sor (Escribano).

O vixente campión de Castela e León elite levantou por primeira vez os brazos esta tempada ao culminar unha escapada en compañía da noruegués Sor. Cunha vantaxe de 27 segundos respecto ao grupo perseguidor, Nanclares investiu 1 hora 19 minutos e 6 segundos en completar os 53,2 quilómetros entre Buenavista e El Sauzal.

A camisola de líder cambiou de dono na proba vespertina por conxuntos. Nos 6,1 quilómetros de percorrido con saída e chegada na Tejina, o bloque máis rápido foi o do Gallina Colosio Eurofeed. O equipo italiano marcou un rexistro de 7:11, batendo por 19’’ ao Gsport Valencia, por 21″ ao Escribano e por 25″ ao Club Ciclista Rías Baixas. Os miñoranos cruzaron a liña de meta con Nanclares, Jon Ander Tomei, Diego González e Raúl González co mesmo tempo.

Na xeral Sor supera en 4″ a Nanclares e a terceira praza correspóndelle a Umberto Marengo (Gallina) a 6″. O cuarto clasificado, Francisco García (Gsport) atópase a 25″ do líder.

Na segunda xornada desta rolda puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo, os participantes deberán percorrer os 130 kms da etapa entre Las Cañadas del Teide, con saída en Izaña, e meta en Candelaria.

Ademais de estar inmerso na loita polo xersei amarelo, Nanclares encabeza a clasificación da Montaña e dos Sprints Especiais. Por equipos, o Club Ciclista Rías Baixas ocupa a cuarta posición.