Carmela Silva reúnese cos alcaldes e alcaldesas dos 25 concellos que farán proxectos singulares

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto aos deputados David Regades e Xosé Leal, encabezaron a reunión cos 25 alcaldes e alcaldesas dos concellos de menos de 20.000 habitantes que se beneficiarán da nova liña de subvencións para investimentos en dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial. O obxectivo era resolver dúbidas e informar sobre os pasos a seguir para que os concellos beneficiarios da iniciativa poidan dar cumprimento aos prazos marcados da convocatoria e, así, financiar os seus proxectos singulares.

Silva destacou que “é necesario que todas as alcaldesas e alcaldes teñades toda a información para cumprir cosas bases das subvencións porque sabemos que os prazos son moi axustados, que tendes que facer un gran esforzo e queremos que poidades poñer en marcha os proxectos sen problemas”. Ao respecto, achegóuselle aos 25 alcaldes e alcaldesas un informe sobre os pasos a seguir para dar cumprimento ás bases das subvencións e unha proposta de convenio para “que a poidades aprobar o máis rápido posible para poder asinalos en decembro e así comezar os proxectos canto antes xa que o procedemento de licitación ten que estar iniciado antes do 30 de xuño de 2018 e as obras rematadas antes do 30 de xuño de 2019”.

A presidenta amosouse orgullosa porque “soamente había que mirar ás caras dos alcaldes e das alcaldesas para ver a súa satisfacción total por poder facer un gran equipamento, unha gran dotación, centrados na ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio, cuestións que nunca antes puideran facer co anterior goberno provincial do PP, que soamente repartía recursos para os seus”. Ao respecto, Carmela Silva recordou que desta nova liña de subvencións vanse beneficiar 11 concellos do PSOE, 10 do PP, 3 do BNG e 1 independente, “polo que falamos de subvencións baseadas en criterios obxectivos”.

En total, serán 25 os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes (Catoira, Fornelos, As Neves, A Illa de Arousa, Campo Lameiro, Covelo, Barro, Crecente, Caldas, Vilaboa, Ponte Caldelas, Pontecesures, Moraña, Forcarei, Silleda, Soutomaior, Bueu, O Grove, Mondariz, A Cañiza, Meis, Rodeiro, Gondomar, Nigrán e O Porriño) que recibirán 15 millóns de euros en subvencións da institución provincial para desenvolver un proxecto singular en cada termo municipal. A presidenta da Deputación aproveitou para recordar que estas subvencións están centradas nos concellos de menos de 20.000 habitantes porque os novos fondos da Unión Europea, como o EDUSI, exclúen aos concellos de menos de 20.000 habitantes o que ocasiona que non poidan facer fronte a grandes proxectos e investimentos.