O Bai Nadal 2017 ofrecerá unha trintena de actividades de lecer e cultura

Este venres arranca a programación cultural “Bai Nadal 2017”, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona, con inchables, obradoiros para os máis pequenos e un festival de baile a cargo das escolas “Giro’s” de Baíña, “Dando la Nota” de Baredo e “Galicia en Danza” de Baiona, ademais do tradicional acendido de luces.

O singular palco instalado con motivo das festas do Nadal na céntrica Alameda da Rúa Carabela Pinta albergará as actuacións da programación cultural “Bai Nadal 2017” xunto co Auditorio V Centenario e a Praza Victoria Cadaval de Sabarís.

Baiona ofrecerá durante a época do Nadal unha programación completa e variada cunha infinidade de actuacións en artes escénicas e musicais para todos os públicos entre as que destaca o espectáculo nocturno de burbullas xigantes de Willy Pomper, “Navidad Máxica: AQ! Adicina que…” de Adrián Conde, a estrea da película “Pixi Post y los genios de la Navidad”, ou o espectáculo “A xogar cos trasnos no Nadal”, actividade encargada de amenizar os días previos a Noiteboa e que contará cunha visita moi especial: a de Papá Noel.

Entretemento para toda a familia con inchables e obradoiros, a visita de Papá Noel e o Carteiro Real, corais e grupos culturais de Baiona que veñen achegar o seu gran de area e a constatar o movemento cultural que se desenvolve ao longo de todo o ano no municipio. A II Gala Solidaria Giro’s Camiña con Uxía e a Neurofibromatosis, os concertos de Panxoliñas da Coral Polifónica de Baredo, do Coro Xuvenil do CPI Cova Terreña, da Coral Polifónica Baiona A Real e da Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar, os festivais de Nadal das escolas de baile “Galicia en Danza”, “Marcando Pasos” e “Dando la Nota”, os concertos de Nadal do Coro de Homes “Voces Baionesas” e do Grupo de Corda e Voces “Baiona Bay”, o concerto de fin de ano da Banda de Música de Baiona ou a tradicional ruta moteira de Papa Noeles a cargo da Peña Moteira “Os Rillasepas”, que percorrerá as rúas principais de Baiona… son moitos dos espectáculos que poderán gozar veciños e visitantes durante estas datas tan especiais.

Tamén haberá un obradoiro interxeneracional de xabóns naturais con receitas da avoa, no marco do programa Tecendo Lazos da Deputación de Pontevedra, e un obradoiro de postais pop-up para nenos e nenas a partir de 6 anos.

O venres 5 xaneiro, a Gran Cabalgata de Reis 2018 poñerá o broche de ouro ao Bai Nadal, saíndo ás 17:00 horas desde A Ramallosa e ás 18:00 horas desde Santa Marta.

PROGRAMACIÓN BAI NADAL 2017