Os fisioterapeutas dunha clínica baionesa, entre os 17 finalistas dos Doctoralia Awards 2017

Jesús Fernández Gómez e David Blach Menéndez.

David Blach Menéndez e Jesús Fernández Gómez, fisioterapeutas de Benestar SL, en Baiona, foron nomeados por segundo ano consecutivo aos Doctoralia Awards, o “Tripadvisor” ou “Booking” dos profesionais da saúde.

Os Doctoralia Awards son un recoñecemento ao traballo dos profesionais da saúde máis destacados de distintas especialidades de España. Ademais de contar cunhas valoracións excelentes por parte dos seus pacientes, os gañadores contan tamén co apoio dos seus compañeiros de profesión e o recoñecemento por parte de Doctoralia en base á calidade das súas respostas en “Pregunta ao Experto”.

Na categoría de Fisioterapia son 17 os finalistas de toda España, onde están inscritos 3.325 profesionais e 3.696 centros de rehabilitación. Este ano, a clínica baionesa é a única de Galicia na especialidade, achegando dous finalistas ou nomeados dos 17, David Blach Menéndez e Jesús Fernández Gómez, sendo este último 3º na votación final.

“Agradecer a todos os pacientes e compañeiros de profesión que apostaron por nós en nome de todos os que formamos o equipo de Benestar SL, incrible para un pequeno centro nun pobo de 11.000 habitantes, nesta marabillosa esquiniña da xeografía española”, destacan desde a clínica situada en Baiona.

Jesús Fernández Gómez é especialista en Traumatolóxica, Terapias Manuais, Terapia Miofascial, Medicina Deportiva e Ximnasia Terapéutica, mentres que David Blach Menéndez é especialista en Neurolóxica.

Benestar SL conta cun equipo composto exclusivamente por Fisioterapeutas colexiados en constante formación nas técnicas máis avanzadas (Terapia Manual Neuro- Ortopédica, Neurodinámica Clínica, Fibrólise Diacutánea, Punción Seca, Terapia Manual Mulligan Concept, Fisioterapia Neurolóxica Bobath Concept e Vendaxe Neuromuscular).

A súa filosofía de traballo é ofrecer unha asistencia personalizada, sen aglomeracións, nun ambiente tranquilo e relaxado. Traballan en equipo acordando os obxectivos terapéuticos para recuperar, previr e readaptar.

Tanto durante o diagnóstico como durante a rehabilitación, sempre fan partícipe ao paciente de maneira que entenda a orixe do problema, os principios básicos do tratamento e sobre todo como evitar futuras recaídas.

O centro conta con salas individuais de tratamento totalmente equipadas, un departamento de Nutrición e Dietética, ademais dun ximnasio de rehabilitación e readaptación onde se imparten actividades de Exercicio Terapéutico (Pilates, TRX & Ximnasia Abdominal Hipopresiva).