Auspiciados pola Comisión Europea, expertos dos Países Baixos, Suecia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica e España están a celebrar un congreso en Porto do Molle que baixo o nome de Run4Life estuda novas tecnoloxías de reciclaxe de augas negras para poder recuperalas para a súa reutilización en procesos industriais, regas, cisternas ou calquera outro que exclúa o consumo humano. Nas palabras de benvida que dirixiu Pedrosa aos congresistas, a delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo resaltou que “neste momento no que xa soaron todas as alarmas e incriblemente en Galicia, unha terra tradicionalmente chuviosa, temos que prepararnos para afrontar tempadas de seca, o aproveitamento e reciclaxe das augas negras é xa unha necesidade urxente, unha tecnoloxía fundamental para o noso futuro”.
A celebración deste congreso elixiu como emprazamento Porto do Molle por ser este un parque empresarial construído en base a principios de sustentabilidade e coidado do medioambiente e onde se foron implantando sistemas e tecnoloxías vangardistas encamiñadas ao aforro de enerxía e á redución de emisións de CO2. De feito no seu Centro de Negocios xa se dispón de redes separativas de augas negras e grises como o que se persegue con este proxecto e unha planta piloto instalada na planta soto deste edificio. Como anunciou a Delegada, cos resultados que se obteñan de dita planta o Consorcio estudará a posibilidade de replicar unha instalación deste tipo pero a maior escala no Polígono de Balaídos, un polígono dun millón de metros cadrados e preto de 10.000 usuarios, sede dunha das maiores plantas de produción de vehículos do grupo PSA Peugeot Citroën. “Con iso pretendemos que o proxecto alcance maior relevancia e interese e que o seu éxito sexa un exemplo para seguir, contribuíndo á difusión destes procesos de mellor aproveitamento dun recurso básico como é a auga” engadiu Pedrosa.
O obxectivo básico do congreso é demostrar a viabilidade do tratamento completo das augas negras e grises xeradas e a súa revalorización para posteriores reutilizacións agrícolas, labores de limpeza ou para fornecer á rede de inodoros. Ademais como o tratamento de augas negras realízase a través dun tratamento anaerobio, que converte a materia orgánica en metano, o proceso recupera parte da enerxía contida nas augas residuais en forma de biogás, o que pode ser utilizado á súa vez como fonte de enerxía para outros usos (caldeiras de gas) ou para a propia planta de tratamento. Outro dos temas de estudo foi como eliminar os microcontaminantes provenientes de produtos farmacéuticos e de hixiene persoal (principalmente antibióticos) presentes nas augas negras para poder reutilizalas en usos agrícolas.
Run4Life propón unha estratexia alternativa á simple depuración das augas residuais domésticas (WWW, polas súas siglas en inglés) ata poder lograr unha recuperación de ata o 100% dos nutrientes e o 90% de reutilización das augas. Diferentes partes das probas obtidas no Run4Life serán postas en común en demo-sites en Bélxica, España, Holanda e Suecia. As probas de rendemento dos diferentes produtos obtidos, en comparación cos fertilizantes industriais, se levarán a cabo en colaboración coas propias empresas dese sector. Finalmente a información obtida, e xa agrupada nun modelo unificado, farase pública nun quinto sitio localizado na República Checa para poder deseñar con ela políticas enfocadas ao tratamento e aproveitamento de augas fecais.


