Comezan a recollida de sinaturas por un parque de bombeiros no Val Miñor

FOTO: NIGRÁN DECIDE // Membros da Comisión Promotora no Mercado de Sabarís.

Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e Esquerda Unida de Baiona iniciaron este luns no Mercado de Sabarís cunha excelente acollida por parte da veciñanza a recollida das sinaturas necesarias para apoiar a Iniciativa Popular para a Creación dun Parque de Bombeiros no Val Miñor presentada o pasado 3 de novembro polas tres formacións de unidade veciñal e popular no Parlamento Galego.

Propoñen un parque de xestión pública directa con base nalgún dos concellos da comarca, e no que se integraría o actual persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Mancomunidade do Val Miñor.

A Comisión Promotora desta Proposición non de Lei por Iniciativa Popular está formada por 10 persoas, cinco mulleres e cinco homes. Tres son de Baiona (Silvano Montes, Aroa Domínguez e Marta Montes), tres de Nigrán (Jose Cuevas, Carlos Gómez e Anxo Mosquera) e catro de Gondomar (Jimena Varela, Fátima R.Areal, Ana López e Pauliño del Río).

Despois de ser examinada e admitida pola Mesa do Parlamento Galego e logo do seu paso pola Xunta Electoral, é necesaria a recollida de 2.500 sinaturas para a súa tramitación e aprobación se procede polo Parlamento Galego.