Nigrán reordenará a circulación na rúa Caranquexo con máis de 60.000 € do Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova achega para o concello de Nigrán por valor de 62.771,99 euros. Con este novo investimento poderá levar a cabo obras de reordenación da circulación na rúa Caranquexo. Con esta achega, Nigrán xa ten aprobado o 100% do Plan Concellos 2017, isto é, xa recibiu os 970.010,12 euros que lle correspondían este ano, un 2,36% máis que no 2016.

Anteriormente, ao abeiro do Plan Concellos 2017, puido  adquirir unha parcela para a construción dun almacén municipal, acondicionar as instalacións eléctricas, subministrar a estrutura de aceiro inoxidable da pista multideportiva da Ramallosa, acondicionar a Avenida Castelao, construír beirarrúas na rúa San Roque, adquirir o subministro de luminarias para o paseo marítimo de Panxón, mellorar as instalacións na rúa Mariñeiro, acondicionar as instalacións eléctricas, e facer as obras pertinentes de conexión á rede de abastecemento en San Roque.

Amais destas actuacións, encadradas na Liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén destinou outros 76.100 € en liña 2 para o financiamento de distintas actividades como unha milla solidaria, unha exposición, a festa de San Fiz, ciclos como “Nigrán area” ou “Nigrán jazz”, un programa municipal de canguros, o Entroido, unha travesía a nado, o Ano Carlos Casares e probas deportivas, entre outros, e finalmente, na liña 3 de emprego, outros 218.252,28 € para a creación de 27 postos de emprego nos diversos servizos municipais do concello.

Con este novo investimento, a Deputación de Pontevedra leva xa aprobadas achegas na provincia por valor de máis de 40 millóns de euros, é dicir, o 97,1% do plan.

Anuncios