Gondomar substitúe a caldeira de gasóleo do edificio de Urbanismo por unha de biomasa

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Gondomar vén de instalar unha caldeira de biomasa, en substitución doutra de gasóleo, no sistema de calefacción para todo o edifico de Urbanismo. A instalación foi realizada a conta da subvención do INEGA e cofinanciada polo Programa Operativo FEDER-Galicia 2014-2012, cuxo financiamento acadou o 80% do custe total, supoñendo un gasto para o Concello de ao redor dos 3.000 €.

Entre as vantaxes desta instalación, están o seu mantemento que é escaso, e o seu consumo. Unha carga de 4000kg de pellets, segundo a empresa instaladora debería durar para dous invernos, todo isto por un custe de 940 € en total, cando en gasóleo sería tres veces máis no mesmo período de tempo.

É unha calor limpa, sen malos olores e sen botar á atmosfera partículas contaminantes, que mantén quente todo o edificio perfectamente, podendo incluso programar o seu acendido, apagado, temperatura, etc, dende un teléfono móbil.

“Este ano instalamos só esta caldeira, pois tivemos que renunciar á do CDL por falta de tempo para tramitar a súa adxudicación, ao ser un procedemento de contratación máis complexo por se tratar dun contrato maior e non haber tempo material para adxudicar e facer as obras do 1 de setembro ao 7 de novembro, improrrogable”, sinala Antonio Araújo, concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

“Á vista dos resultados coa nova caldeira instalada, agora xa non hai dúbida da necesidade de apostar por este tipo de calefacción, polo que o ano que vén, imos procurar cambiar todas as calefaccións de gasóleo das instalacións municipais que poidamos por estas de biomasa”.

Dende a Concellaría de Medio Ambiente animamos ás Comunidades de Veciños de edificios, e á veciñanza en xeral, a apostar por este tipo de calefacción, e a acollerse a estas axudas que tamén as hai para particulares. As estatísticas falan que a contaminación atmosférica está producida nunha porcentaxe moi elevada precisamente polas calefaccións de combustibles fósiles. Os últimos estudos falan que no Estado Español morren ao ano 16.000 persoas por causa da contaminación atmosférica.

“Coa idea de facer una mínima pedagoxía necesaria, e para que se poida comprobar que este tipo de sistemas funcionan, dende a Concellería de Medio Ambiente, convidamos aos colectivos veciñais, e veciños en xeral, a visitar esta nova instalación no edificio de Urbanismo, para comprobar “in situ”, que outro sistema é posible”, conclúe Araújo.

Anuncios