Nigrán conmemora o Día contra a Violencia de Xénero cun concerto de Mr. Happy e actividades infantís

O Concello de Nigrán conmemora mañá sábado no Auditorio Municipal o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun concerto e actividades para os pequenos. Así, ás 18:00 horas Volvoreta e Voltereta ofrecerán un obradoiro infantil sobre igualdade con diferentes actividades e sempre cunha mensaxe positiva ao respecto. Posteriormente, ás 20:00 horas, a banda viguesa Mr. Happy ofrecerá un concerto especial cun repertorio de versións centrado en temas clásicos do soul, blues, funk ou rock popularizados por mulleres como Aretha Franklin ou Amy Winehouse. Mr. Happy está liderado pola cantante Isis á voz, á que acompañan batería, guitarra e baixo. Antes do concerto se lerá o manifesto do 25-N.

Baixo o lema “Nigrán en Negro” o Concello de Nigrán, a través do CIM, participa este ano nesta campaña de sensibilización cidadá titulada #EnNegroContraAsViolencias que se leva a cabo en 75 localidades de Galicia e que consiste en vestir de loito os establecementos do municipio. A maiores, o Concello ofrece este programa de actividades para o sábado 25, o propio Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

2017-11-24 - NigranNegro1

Anuncios