Sin categoría

Baiona coroa aos gañadores da Liga de Outono AXA J80

Baiona coroa este sábado aos gañadores da Liga de Outono AXA J80, a competición de monotipos que vén celebrando desde o pasado mes de outubro na baía baionesa baixo a organización Monte Real Club de Yates e o patrocinio de AXA Seguros.

Tras as tres xornadas previas, mañá dispútase a cuarta e última etapa, cun programa final de tres percorridos barlovento-sotavento a partir das tres da tarde.

A tripulación do Cansino, patroneada polo comodoro do Monte Real Club de Yates, Nano Yáñez, vai na cabeza tras arrebatarlle o liderado ao Okofen, que se resentiu na última xornada ante a ausencia do seu líder Javier de la Gándara.

Ambos os dous veleiros, separados por tres puntos na clasificación xeral, disputaranse os caixóns de honra co Ferralemes de Enrique Porto, que se sitúa detrás deles a apenas dous puntos de distancia.

Non haberá que perder de vista tampouco na auga ao Namasté de Luis de Mira e ao Marías-Casas do Telhado de Manuel María Cunha, que destacaron nas últimas regatas en Baiona e son claros aspirantes a ocupar algún dos postos do podio de gañadores.

Séguenlles na clasificación, aínda que xa a máis distancia, o Meltemi, o Luna Nueva, o Pazo de Cea, o Mondo, La Galera e o Cormorán II. Pechan lista o Miudo by Storax e a SND Cormorán, cunha proba menos disputada que o resto de barcos.

As últimas probas da Liga de Outono AXA J80 comezarán ás tres da tarde na baía de Baiona, e se se cumpren as previsións, o vento non será un impedimento para a súa celebración, xa que soprará con bastante intensidade.

Unha vez finalizada a competición na auga, as instalacións do Monte Real Club de Yates acollerán a entrega de premios aos gañadores, no marco dunha cea de confraternización na que participarán regatistas e patrocinadores.