A baionesa Alba Carneiro recibe o seu premio por “No more silence”

FOTO: SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO // Foto de familia dos premiados.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra entregou, esta mañá, os premios do I Concurso de Debuxo e Relato contra a Violencia de Xénero, nun acto celebrado no Auditorio de Afundación e presentado polos actores Luís Zahera e Pilar Castro, e ao que asistiron, ademais da subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a deputada nacional por Pontevedra, Pilar Rojo, entre outras autoridades.

Os alumnos dos 12 centros premiados recolleron os seus galardóns e estiveron acompañados polo resto de compañeiros da súa clase, a quen tamén se lles concedeu un premio colectivo. Así estiveron representados centros educativos de Pontevedra, Vigo, Baiona, Cangas, Cambados, Soutomaior e Caldas de Reis.

Alba Carneiro Pérez, do CPI Cova Terreña, conseguiu o 3º premio na categoría 1 da modalidade debuxo-pintura, cun traballo co lema “No more silence”. O debuxo da baionesa destacou entre máis de trescentos traballos presentados. Recibiu como obsequio unha Tablet e unha visita ao estadio de Balaídos para toda a súa clase.

Na súa intervención, a subdelegada do Goberno, destacou que o xurado non o tiña fácil: “Presentáronse 509 traballos (312 de debuxo-pintura e 197 relatos curtos) e todas as obras foron dun nivel tan alto que nos puxestes difícil ao xurado tomar unha decisión”.

Por último, quixo recoñecer o compromiso dos alumnos e dos centros, lembrando que “na loita contra a violencia de xénero todo o que podamos achegar é importante. Este concurso dedicámosllo a todas as vítimas deste tipo de violencia tan cruel. E dicímoslles: hai saída”, concluíu Ana Ortiz.

NO MORE SILENCE ALBA CARNEIRO