A Mancomunidade aumenta un 11% a partida dos orzamentos dedicada ao GES

FOTO: CIG // Concentración do persoal do GES de Val Miñor no mercado de Sabarís.

O pasado venres aprobouse en pleno o orzamento da Mancomunidade do Val Miñor para o ano 2017, unha cifra que ascende a 671.684,35 euros e que aumenta un 2% con respecto ao exercicio anterior. A distribución do diñeiro da Mancomunidade do Val Miñor repártese entre diversos servizos que dan cobertura a máis de 45.000 veciños chegando ata os 100.000 en época estival.

O capítulo que rexistra un maior aumento na súa partida é o dedicado ao GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal), que sobe un 11% con respecto ao ano anterior. O diñeiro destinarase a financiar nova indumentaria para os efectivos do servizo, resérvanse preto 17.000 euros para iso, un investimento moi por encima á destinada nos últimos anos a equipamento. Tamén se designa un incremento para mellorar o importe da hora e da xornada extra dos 12 efectivos do GES do Val Miñor.

Entre os servizos que presta a Mancomunidade, ademais do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, atópanse o mantemento do servizo de Protección Civil, a asistencia social primaria, destinado ao funcionamento do Centro de Día, o servizo de socorrismo en praias, servizo de asistencia de drogodependencia, a promoción de emprego a través de distintos obradoiros, o funcionamento da oficina de turismo mancomunada ou o servizo de recollida de cans.

A contía total do orzamento, 671.684,35 euros, é igual tanto no apartado de ingresos como de gastos, polo que a Mancomunidade do Val Miñor cumpre coa regra do gasto.

O financiamento da entidade é asumida polos tres concellos que forman a Mancomunidade, Baiona, Nigrán e Gondomar, en torno ao 80%. O resto é achegado pola Deputación e a Xunta.

O alcalde e presidente do organismo supramunicipal, Ángel Rodal, reuniuse a semana pasada co coordinador do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor, Óscar Arévalo, para informarlle de que en breve entregaráselle á Mancomunidade, por parte da Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, un novo equipo de excarceración.

“O obxectivo é conseguir que as persoas que traballan na xestión das emerxencias conten cos mellores medios e traballen nas mellores condicións, e de forma segura, algo que se reverte, ademais de nas melloras dos efectivos do servizo, na atención ás emerxencias e ao cidadán”, comentou Rodal.

O equipo de excarceración supón un reforzo importante na actuación do persoal de bombeiros en accidentes de tráfico, excarceracións, levantamento de obxectos pesados (por exemplo tractores), corte de elementos e outras utilidades.