O Club Ciclista Rías Baixas repite como equipo oficial da Copa de España

Por cuarto ano consecutivo o Club Ciclista Rías Baixas participará no certame máis prestixioso do campo amateur español e por terceira vez farao como equipo oficial. A Asociación Española de Organizadores de Probas Ciclistas Elite e Sub 23 (AEOPCES) incluíu á entidade presidida por José Luis Chamorro entre as 22 formacións que disputarán todas as carreiras da Copa de España 2018. Esta competición será o primeiro reto a próxima tempada da entidade presidida por José Luis Chamorro.

Ata o momento a Copa de España resistíuselle aos corredores miñoranos, que teñen unha espiña cravada con estas clásicas. Nas súas tres participacións aínda non foron capaces de estrear a súa marcadora de vitorias, unha seca de triunfos que non se corresponde co palmarés que cultivaron no resto do calendario durante as últimas campañas. A pesar de que os resultados non foron os esperados, a directiva da AEOPCES, co seu presidente Manuel Moreno á fronte, reafirmou a súa confianza neste proxecto.

No 2018 o Club Ciclista Rías Baixas presentará un renovado conxunto con Iván Rodríguez estreándose como director. O técnico salmantino estará ao volante dun bloque moi novo e no que só continúa respecto ao curso anterior Jaime Guzmán. Ata agora, fíxose oficial a incorporación do galego Rafael Pereira e nas próximas semanas iranse desvelando os nomes do resto de compoñentes da escuadra con sede en Nigrán.

O calendario da Copa de España volve constar de nove carreiras. A primeira xornada será o Circuíto Guadiana en Estremadura, o 25 de febreiro, e a última o Gran Premio Macario en Madrid, o 13 de maio. Euskadi, Andalucía, Comunidade Valenciana, Murcia e Cataluña tamén acollerán probas desta competición que un ano máis non terá ningunha cita en terras galegas.

Anuncios