Gondomar dota de saneamento ao CDL cun investimento de 140.000 €

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Obras de saneamento no CDL.

O Concello de Gondomar acaba de iniciar as obras que dotarán de saneamento municipal aos tres edificios do Centro de Desenvolvemento Local que ata agora carecían deste servizo básico, e que estarán finalizadas antes de que conclúa o ano.

Os traballos, cun investimento de 140.000 euros subvencionados pola Deputación de Pontevedra, consistirán na conexión á rede de saneamento dos tres edificios municipais que albergan na actualidade as oficinas da Cámara de Comercio e os Obradoiros de Emprego, distintas asociacións culturais e sociais e o almacén e parque móbil da Concellería de Vías e Obras. Ademais de resolver o problema de saneamento, realizarase a acometida eléctrica e acondicionarase a chaira de pavimentación con zonas peonís e sinalización do estacionamento de coches.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, explicou que ata agora a acometida eléctrica destes edificios era unha instalación en precario desde hai décadas, cando era un colexio, que facía saltar os limitadores e xeraba apagamentos sen que ata agora ningún dos gobernos locais anteriores fixese nada por solucionalo. «A conexión á rede de saneamento é crucial porque é lamentable e terceiromundista que no s. XXI e no centro do centro urbano de Gondomar queden aínda tres edificios municipais sen conexión á rede e con problemas de augas fecais que ocasionan malos cheiros. É incomprensible que os gobernos anteriores non solucionasen este problema ou polo menos tentasen buscar unha solución. Era unha das prioridades do equipo de goberno socialista. Por iso, nada máis chegar á alcaldía, encargamos o proxecto e buscamos financiamento da Deputación provincial», deslizou o rexedor.