Anuncios
Ticker de novas

Fomento cortará o tráfico na VG-20 para realizar un simulacro de emerxencia

O Ministerio de Fomento realizará mañá martes, 21 de novembro, un simulacro de emerxencia no túnel de Valladares na autovía VG-20, en Vigo, no que se reproducirá un accidente por colisión de dous vehículos lixeiros con resultado de incendio dun deles. Para a realización do simulacro cortarase o tráfico en ambos os dous sentidos do túnel entre as 10:00 e as 14:00 horas.

O Real Decreto 635/2006 sobre requisitos mínimos de seguridade nos túneles do Estado esixe que o persoal de xestión do túnel e os servizos de emerxencia organicen, en cooperación co responsable de seguridade e cos organismos competentes en materia de protección civil, simulacros periódicos conxuntos para o persoal do túnel e os servizos exteriores de emerxencia.

O obxectivo do simulacro é avaliar a coordinación dos axentes relacionados coa seguridade e coa atención a emerxencias nos túneles (emerxencia, xestores do túnel, protección civil, etc.) e verificar a idoneidade dos procedementos de actuación de todas as partes.

DESVÍOS DE TRÁFICO

Durante a preparación e realización do simulacro será necesario realizar desvíos de tráfico para garantir a seguridade dos usuarios e dos servizos de emerxencia. A tales efectos dispoñerase sinalización e balizamento na autovía e haberá presenza de axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local, tanto nos cortes da VG-20 como nos accesos ás Rúas Clara Campoamor e Avenida de Citroën.

En sentido Vigo, o tráfico desviarase cara á Rúa Clara Campoamor á altura do punto quilométrico (p.k.) 8,+000 na ligazón de Valladares.

En sentido Puxeiros, o tráfico desviarase cara á Avenida de Citroën á altura do p.k. 2,000 na intersección da VG-20 á altura de Navia.

Os vehículos que se incorporen nas ligazóns situadas entre os p.k. 2,000 e 5,000 serán canalizados a través da ligazón de Matamá.

INSTALACIÓNS DE SEGURIDADE EXISTENTES NO TÚNEL DE VALLADARES

O túnel de Valladares, que entrou en servizo en novembro de 2005, ten unha lonxitude aproximada de 260 metros e consta de dous tubos unidireccionis. Está dotado de sistemas de seguridade e control tales como sistema de ventilación lonxitudinal, iluminación, equipos autónomos de emerxencia para subministración eléctrica, sinalización luminosa e de mensaxe variable, sinalización de emerxencia, megafonía, postes SOS, control da ventilación, circuíto pechado de televisión (CCTV), control de gálibo, redes de comunicacións e estacións remotas e centro de control con presenza permanente de persoal da empresa adxudicataria da conservación e explotación do sector PO-03.

Anuncios