
Chegou a recuperar a camisola de líder Elite da Copa Galicia de Ciclocrós, pero tan só duroulle unhas horas. Adrián Valverde asinou dous terceiros postos durante o fin de semana que manteñen o empate a puntos na primeira praza da súa categoría con Darío Otero (Muebles Compostela).
O especialista baionés do Club Ciclista Rías Baixas terminou por detrás do líder da xeral absoluta Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) e do portugués Roberto Ferreira o sábado no Rosal. Esta actuación no circuíto de Praia das Eiras permitiu a Valverde volver vestirse coa camisola de primeiro Elite.
Ao día seguinte, este domingo, a Copa Galicia celebrou a súa sexta xornada en Poio, onde o sub23 Feijoo ratificou o seu dominio. Por detrás estableceuse unha loita pechada pola primeira posición Elite entre seis ciclistas. Otero superou por 9 segundos ao representante da entidade presidida por José Luis Chamorro, que repetiu terceiro posto no caixón.
Na xeral, Otero e Valverde están igualados a 600 puntos e a camiseta do líder luciraa o vindeiro domingo en Culleredo o compostelán por obter mellor resultado na última carreira.