Nigrán rematará antes de fin de ano a reforma da antiga casa do mestre en Camos

O Concello de Nigrán rematará antes de fin de ano as obras de reforma interior dunha das antigas casas dos mestres en Balinfra (Camos) para transformala na primeira vivenda de respiro familiar e de autonomía do Centro de Educación Especial Juan María (Parada). Ao mesmo tempo, o Concello tamén está a rehabilitar o parque de Balinfra onde se atopa a casa e facilitará unha das escolas vinculadas (alí situada) para os seus obradoiros, polo que suporá unha transformación total de toda a contorna que se encadra no proxecto “Un Nigrán para todos”.

O investimento de 27.459 € realízase a través da Deputación de Pontevedra e suporá dotar á vivenda de total accesibilidade, mellora das condicións térmicas, renovación da instalación eléctrica e de fontanería… Así, esta casa desocupada durante décadas servirá para que os usuarios do Centro Juan María poidan gozar de programas de respiro familiar ou de preparación para unha vida independente. Precisamente, co fin de ter un mobiliario adaptado, a Obra Social La Caixa outorgou ao centro unha axuda de 10.000 €. Para que este novo uso sexa posible, con anterioridade o goberno de Nigrán tramitou ante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra a desafección do uso docente desta construción situada na rúa San Roque.

«A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa e que sirva como aprendizaxe para que as persoas con diversidade funcional poidan prepararse para a vida independente», explica o rexedor.

A edificación, de 339 metros cadrados, consta de dúas vivendas pareadas, estando a do lado oeste (número 43) desocupada e deteriorada e, polo tanto, sen cumprir ningunha finalidade. A casa en cuestión conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela de 2.789 metros cadrados. A escola infantil á que estaba vinculada xa non cumpre tal función, por esta razón o anterior goberno socialista solicitara en 2010 á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a desafección do seu uso docente, sendo concedido o 15 de marzo de 2015.

A obra exposta supón unha completa adecuación interior da mesma para dotala do máximo confort e accesibilidade, premisa que debe cumprir tamén a parcela e o seu xardín instalando pavimentos exteriores que faciliten o seu uso sen ningún tipo de barreira arquitectónica. Á casa incorporaránselle illamentos trasdosados en todos os seus perímetros e se mellorarán todos os acabados de paredes, teitos e carpinterías en xeral. Ademais, renovarase completamente a instalación eléctrica e de fontanería e dotaráselle dun sistema de calefacción mediante estufa de biomasa na planta baixa como alternativa aos radiadores eléctricos cos que contaba. No exterior exponse recuperar unha construción anexa como dormitorio e baño perfectamente adaptados a persoas con mobilidade reducida.

O Centro de Educación Especial Juan María (Parada) tivo durante un ano e grazas a unha subvención unha casa alugada para levar a cabo programas de respiro familiar cos seus usuarios, sen embargo, o elevado custe impediu a súa continuidade. Agora, dende o Concello de Nigrán se lles abre as portas a que poidan retomar esta iniciativa básica para acadar a autonomía total dos seus usuarios ou permitir que as familias descansen.

«A empregaremos para tratar de que os usuarios máis autónomos acaden a máxima independencia e tamén para respiros familiares, isto significa que as fins de semana algúns deles desfrutarían en Balinfra do seu propio ocio acompañados de monitores e ao mesmo tempo a familia podería descansar da súa labor coidadora. Todo cun cronograma polo miúdo», explican dende o centro. Ademais das estancias curtas de fin de semana aberta aos cen usuarios, habería de máis longa duración para que, en pequenos grupos, os que gozan de maior autonomía aprendan a valerse por si mesmos nunha vivenda (sempre con apoio de persoal do centro). «Trátase de preparalos para a independencia total, para que poidan vivir pola súa conta», indican dende o Centro Ocupacional.

«Traballamos cada día de xeito ordenado para cumprir cos nosos obxectivos, neste caso para que Nigrán dispoña por vez primeira na súa historia dunha vivenda social. Para acadar este fin estudamos todos os recursos dispoñibles, despois tramitamos a desafección desta casa e agora a acondicionaremos segundo o proxecto realizado polo estudio de arquitectura nigranés A-Integra», incide o alcalde.