Anuncios
Ticker de novas

Gondomar aproba pedir á APLU a paralización dos expedientes das casas afectadas polo lume

FOTO: CHRIS DOAL

Para Antonio Araújo, concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente de Gondomar, o Pleno da Corporación Municipal celebrado este xoves deixou claro, unha vez máis, cales son os intereses e as intencións políticas dos grupos que a compoñen á hora de defender ou de axudar a resolver os problemas reais da veciñanza, neste caso da que foi afectada pola vaga de lumes do pasado mes de outubro. “Uns votando en contra (o PP) porque apostan polo “canto peor mellor” á hora de desgastar o goberno municipal e porque poñen por diante da defensa dos veciños a obediencia cega aos xefes do partido; e outros absténdose (CABE) porque viven totalmente fóra da realidade política e social de Gondomar”.

O que se pedía na moción de “Manifesto Miñor” era algo tan simple como trasladarlle a reclamación/opinión (non puido ser unánime) da Corporación Municipal á APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) e á propia Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que teñan en conta a situación de catástrofe, absolutamente excepcional, que os lumes do mes de outubro provocaron en varias parroquias de Gondomar, incrementando a desesperación de ducias de familias que agora ven como as súas vivendas ou construcións afectadas ou destruídas polo lume, seguen coa Espada de Damocles das ordes de derrube e das sancións ou, da Fiscalía… pendurada sobre as mesmas. A maiores de que, con toda probabilidade, por este motivo non se poidan acoller ás axudas para reparar os danos provocados polos devanditos lumes.

“Non se trata de amnistiar urbanísticamente a ninguén, senón que á vista dunha situación de catástrofe evidente, así recoñecida oficialmente pola Administración do Estado e polo propio Goberno Galego, se lle axude ás persoas afectadas a resolver esta situación dándolle máis tempo para tramitar as legalizacións; axilizando os trámites que dependen da Xunta como no caso das delimitacións de núcleos que están en marcha ou, retirando as denuncias da Fiscalía… Persoas que en todo caso son vítimas da complexa situación urbanística que Gondomar padece dende hai máis de 10 anos, e cuxos responsables teñen nome e apelidos políticos”, recorda Araújo.

Dende Manifesto Miñor agardan que a APLU e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, teñan máis sensibilidade social que a demostrada por una parte da Corporación Municipal (votaron a favor MM, PSOE e IxG 10 votos), e atendan a demanda da veciñanza afectada polo lume. “Que por certo, trátase dunha problemática común a máis concellos do País”, conclúe.

Anuncios
error: Content is protected !!