Anuncios
Ticker de novas

Deteñen a un veciño de Nigrán como suposto autor dunha trintena de roubos en vivendas

FOTO: GARDA CIVIL // O equipo EBIO realizando unha inspección ocular nunha das vivendas.

A Garda Civil detivo a un veciño de Nigrán, R.C.G., de 37 anos, ao que se lle atribúe a presunta comisión dunha trintena de roubos cometidos durante os dous últimos anos, a maior parte deles en vivendas situadas no mesmo municipio de Nigrán.

As investigacións, levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse o ano pasado con motivo do incremento dos roubos, todos eles con forza nas cousas, que viñan producindo en determinadas zonas do municipio, fundamentalmente na parroquia de Camos.

A práctica totalidade dos roubos investigados ocasionáronse en segundas vivendas e os seus anexos. Tamén se rexistraron algúns roubos en casas habitadas, que se levaron a efecto cando non había ninguén no domicilio, nalgúns establecementos públicos (Casa Cultural, bar da Comisión de Montes) e en dúas igrexas da parroquia.

Por mor da información obtida na zona onde se produciron estes roubos e da exhaustiva análise dos resultados de todas as inspeccións que se realizaron nos inmobles polo Equipo EBIO (Equipo Básico de Inspeccións Oculares) do Posto de Baiona-Nigrán, ademais de concluír que o autor coñecía perfectamente polo terreo onde actuaba, tamén se puido determinar que, na maioría dos casos, o acceso aos inmobles producíase utilizando o mesmo modus operandi: rompía unha xanela e para iso utilizaba sempre unha ferramenta das mesmas dimensións e características.

As pescudas concluíron coa localización dunha tenda de compra venda de obxectos de segunda man, en Vigo, onde a persoa que estaba a ser investigada como principal sospeitoso, vendera algúns dos obxectos subtraídos.

Unha vez confirmadas as sospeitas, procedeuse á detención de R.C.G., de 37 anos, veciño de Nigrán, como presunto autor dun total de 33 roubos con forza nas cousas no mesmo municipio onde reside: 27 deles en domicilios, 2 en igrexas e 4 en establecementos comerciais.

Esta persoa, que conta cun amplo historial por delitos contra o patrimonio, xa fora detida no ano 2004 por outra onda de roubos en vivendas, cometidos na mesma zona e de similares características.

O arrestado foi posto a disposición do Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.

Anuncios