Sin categoría

Carlota Corredera, embaixadora do Banco de Alimentos de Vigo para a súa Gran Recollida Solidaria

A xornalista Carlota Corredera converteuse esta mañá na nova embaixadora da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo para a Gran Recollida Solidaria (GRS2017), que se celebrará os próximos 1 e 2 de decembro. A viguesa recibiu o peto de voluntaria durante un acto celebrado no almacén de San Pedro de Sárdoma.

Tras a imposición do chaleco a mans do presidente da ONG, Pedro Pereira, e do coordinador da GRS2017, Iván Martínez, Corredera sinalou que “nada me faría máis feliz que ver todos os andeis do Banco de Alimentos a rebentar” o 1 e 2 de decembro, á vez que vaticinou que así será, xa que Vigo e Pontevedra son “terra solidaria” de sempre.

Así mesmo, a presentadora de televisión animou a facerse voluntario e lembrou que só son catro horas do noso tempo para axudar ás persoas que peor o están pasando na actualidade. Precisamente, o Banco de Alimentos segue necesitando a día de hoxe uns 200 voluntarios para poder desenvolver con éxito a súa cita solidaria máis importante. “Que as persoas que poidan regalen catro horas do seu tempo, que son catro horas?”, pediu a xa madriña da ONG.

A imaxe de Corredera e o lema “Segues a cadea?” alagará de carteis numerosas rúas de Vigo e Pontevedra e, acompañará, ademais, aos distintos puntos de recollida de alimentos durante os próximos 1 e 2 de decembro.

Corredera recollerá alimentos o día 2

A coñecida xornalista comprometeuse a estar en Vigo e Pontevedra durante a GRS2017, concretamente, o próximo día 2 e, como unha voluntaria máis, axudará a recoller alimentos nalgún supermercado adherido a esta acción solidaria que, ano tras ano, permite recuperar o stock de comida que logo se reparte entre as persoas con dificultades da provincia.

“Estarei aquí recollendo alimentos o día 2 porque hai que predicar co exemplo” e, ademais lembrou que todos podemos necesitar axuda nalgún momento da nosa vida “eu son unha persoa á que as cousas lle van ben, pero uno non pode esquecer de onde vén”.

O presidente da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo agradeceu publicamente o carácter comprometido de Corredera co que a ONG pretende ter unha importante repercusión mediática e mostrouse convencido de que o seu tirón “arrastrará a moitos solidarios para facerse voluntarios e doantes de alimentos”.

Traxectoria profesional de Corredera

Carlota Corredera, xornalista e directora de distintos espazos televisivos de La Fábrica de la Tele, é na actualidade unha das condutoras de Sálvame e presentadora de Cámbiame, ambos os dous programas de Telecinco.

Licenciada en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, iniciou a súa andaina profesional en Antena 3 cadea na que chegou a ser subdirectora de Sabor a ti en 2003. Despois foi fichada por Telecinco para dirixir distintos programas, os máis relevantes Sálvame e Sálvame Deluxe en 2009. A partir de 2014 comeza a ser unha das presentadoras de Sálvame e desde principios deste ano conduce Cámbiame. Tamén é autora do libro “Tú también puedes: Cómo conseguí perder 60 kilos y ganar e salud”, da editorial Grijalbo.

O seu carácter solidario levouna a viaxar ata Anantapur (India) onde mulleres da Fundación Vicente Ferrer confeccionaron tradicionais saris para os colaboradores de Sálvame, logrando, á súa vez, unha avalancha de novos apadriñamentos e socios apoiando dita causa. Outra das súas innumerables causas que abandeira é Nico Contra o Cancro Infantil, entidade ourensá sen ánimo de lucro.

Os antecesores de Corredera como embaixadores do Banco de Alimentos foron Fernando González, Gonzo, (GRS2016), María Castro (GRS2015), Luís Tosar (GRS2014) e Borja Oubiña (GRS2013).

GRS2017, en cifras

Os próximos 1 e 2 de decembro, o Banco de Alimentos mobilizará a uns 2.000 voluntarios polos 155 hipermercados de Vigo e Pontevedra, así como das comarcas do Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés ou Deza. O obxectivo da GRS2017 é igualar o éxito alcanzado durante a edición pasada cando se recibiron ao redor de 310.000 quilos de alimentos e, así poder seguir axudando ás 25.000 persoas desfavorecidas ás que chega na provincia, a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa.

Para ser voluntario do Banco de Alimentos a persoa interesada ten que cubrir un formulario colgado na web http://www.bancoalimentosvigo.org/formulario/ ou tamén pode chamar ao 986 263022.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, creado en 1995, é unha entidade benéfica independente, apolítica, aconfesional e sen ánimo de lucro cuxo principal obxectivo é axudar ás persoas máis desfavorecidas.

Durante 2016, a ONG repartiu máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015. Xa nos seis primeiros meses de 2017, entregáronse preto de 1,2 millóns de quilos de alimentos na provincia de Pontevedra.