Baiona destina 7.200 euros ao asfaltado do Camiño Entrerríos en Sabarís

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O Camiño Enterríos tras o asfaltado.

O Concello de Baiona destinou un total de 7.200 euros ás obras de asfaltado do Camiño de Entrerríos, paralelo ao río Groba, en Sabarís. Os traballos levados a cabo consistiron na pavimentación do viario, que antes da intervención era de terra e presentaba numerosas fochancas.

Para iso levouse a cabo o perfilado tanto no camiño como nos bordos e rasantes. Mellorando o firme estendendo dúas capas asfálticas en quente 5+5cm de espesor, unha capa de dobre adecuada para camiños rurais e perdurable no tempo. A área de actuación dos traballos foron uns 500 m2.

O Camiño Entrerríos é un viario cun importante volume de tránsito tanto de vehículos como de peóns especialmente os luns de mercado xa que comunica unha área de aparcadoiro coa Praza Victoria Cadaval.

O concelleiro de Vías e Obras, Daniel García Dacuña, expresou que “este reforzo permitirá aos vehículos circular sen fochancas e con maior seguridade. Ademais de liquidar estes problemas, co asfaltado tamén se evitan os charcos e o barro que se formaban cando chovía, que salpicaban e manchaban tanto a vehículos como a viandantes. Esta actuación súmase a outras moitas similares levadas a cabo nas parroquias do municipio e que seguirán ao longo da lexislatura con próximas actuacións”.