Anuncios
Ticker de novas

O Vincios asina un empate no seu desprazamento a San Sebastián de los Reyes en Superdivisión

FOTO: AD VINCIOS // Diogo Silva.

Este domingo pasado o AD Vincios desprazouse a San Sebastián de los Reyes (Madrid) na sexta xornada da liga de Superdivisión. A priori era un partido para testar o estado do equipo gondomareño para esta tempada, pois se enfrontaba a un duro rival, un equipo da parte media alta da táboa as últimas tempadas.

Empezou o partido coa disputa do encontro entre o xogador do Vincios Diogo Silva con Carlos Franco, nº1 do Sanse. Foi un partido moi equilibrado, con alternancia no marcador set a set, e non véndose un dominio claro de ningún dos xogadores. O encontro decantouse ao lado do Sanse tras 40 minutos, cun resultado de 3-2 con parciais de 11-8/5-11/10-12/11-8/8-11 a favor de Carlos Franco.

No segundo partido deu a sorpresa o xogador portorriqueño do Sanse Daniel González ao vencer por outro axustado 3-2 con parciais 11-8/9-11/9-11/11-5/11-4, superando claramente na fase final do partido ao xogador do equipo miñorano Moisés Álvarez, cun xogo moi agresivo e físico desde o fondo da mesa.

Cun 2-0 abaixo o partido pintaba moi incerto, pois se enfrontaban o xogador zurdo tailandés Padasak ao xogador ucraíno Pryshchepa. O xogo áxil e veloz de Padasak quedou neutralizado por unha táctica moi intelixente do xogador do Vincios, con bólas sempre colocadas nas zonas de máxima dificultade para o tailandés, con xogo curto e de flip. O resultado final de 3-0 a favor de Pryschepa, con parciais de 14-12/11-9/11-9 reflicten o disputado dos sets.

No cuarto partido Diogo Silva si cumpriu o guión, aínda que non sen esforzo, superando 3-1 a Daniel González cun 11-7/9-11/11-9/11-5, onde ata o final do partido non se vía un claro vencedor.

Co encontro empatado 2-2, enfrontábanse os números 1 de ambos os dous equipos, volvendo impoñerse Pryshchepa a un loitador Carlos Franco, por 3-1 con sets 11-4/11-7/7-11/11-8, demostrando que se atopa nun gran estado de forma tras a disputa coa súa selección do Open de Alemaña.

Tras darlle a volta ao marcador, cun resultado a favor do Vincios de 3-2, enfrontábanse Moisés Álvarez e Padasak, onde toda a presión era para o xogador do Sanse. O partido só tivo cor oriental, desarbolando unha e outra vez o xogo do xogador do Vincios. O partido concluíu 3-0 para Padasak, o que poñía o empate final 3-3 entre os dous equipos.

Cunha xusta repartición de puntos, o AD Vincios volve satisfeito do seu desprazamento a Madrid e sitúase en quinta posición da táboa clasificatoria. O vindeiro venres 17 volve xogar fóra, en Xirona, contra o actual campión da Copa, o DKV Borges Vall.

Anuncios