Anuncios
Ticker de novas

Alba Carneiro, do CPI Cova Terreña, premiada no I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero

Alba Carneiro Pérez, do CPI Cova Terreña de Baiona, é un dos 12 gañadores do I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero. A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, deu a coñecer esta mañá o fallo do xurado. A baionesa conseguiu o 3º premio na categoría 1 da modalidade debuxo-pintura, cun traballo co lema “No more silence”.

O xurado, que está presidido pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, está conformado pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Mª Paz Pérez; o xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; o inspector xefe da Consellería de Educación en Pontevedra, Manuel Torres; os pintores Antón Pulido e Jaime Fariña Falcón; o catedrático de Lingua Castelá, escritor e crítico literario, José Montaña Louzao; o catedrático de Lingua Galega, ex profesor da USC e inspector de Educación, Modesto Hermida e a profesora de Literatura, María José Tobar Quintanar.

A entrega dos galardóns terá lugar nun acto que se celebrará o venres 24 de novembro na sede de Afundación de Pontevedra, véspera do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e estará presentado polos actores Luis Zahera e Pilar Castro, que actualmente están a rodar, na provincia, a serie “Oeste, vivir sin permiso”.

O prazo de presentación finalizou o día 6 de novembro e o xurado houbo de seleccionar de entre 509 traballos entregados, as 12 obras gañadoras nas categorías de debuxo-pintura (312 traballos presentados) e relato curto (197 traballos presentados).

Organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, é un certame provincial de debuxo-pintura e relatos curtos. O obxectivo non é outro que, por unha banda, fomentar a creación literaria e artística e impulsar a creatividade e a imaxinación; e, por outro, incrementar a concienciación e sensibilidade dos escolares ante esta gran lacra social. Por tanto, valoraranse aqueles debuxos e relatos cuxa temática sexa a violencia de xénero e a igualdade entre homes e mulleres.

No certame colabora a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, e está patrocinado por Abanca, Adeslas, Afundación, Audasa, Real Club Celta, Fundación Celta, Consorcio Zona Franca de Vigo, Dirección Xeral de Tráfico, Froiz, Editorial Galaxia, Mercadona, Centro Oceanográfico de Vigo, Orquestra Praeludium, Editorial Xerais, Ficción Producións e o CIFP Carlos Oroza.

Anuncios