Anuncios
Ticker de novas

A Xunta amplía en 200.000 euros o crédito das axudas á adquisición de taxis adaptados

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se amplía en 200.000 euros o crédito existente para a concesión de axudas a adquisición de vehículos de taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi).

Coa publicación de hoxe no DOG a Xunta cumpre o compromiso manifestado nunha reunión recente con representantes da asociación Fegataxi, aos que a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, lles avanzou este incremento no crédito co que se destina este ano un total de 400.000 euros a estas subvencións. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/YbqbJQ

A Xunta xa publicara no DOG do 29 de maio de 2017 a convocatoria para a adquisición de Eurotaxis, cun investimento de 200.000 euros, que posibilita axudas de ata 10.000 euros por vehículo.

Os beneficiarios destas axudas son as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

Ata o momento recibíronse unhas 45 solicitudes para estas subvencións, polo que na senda de continuar atendendo esta demanda, o Goberno galego impulsou unha ampliación do crédito para as citadas axudas.

Cómpre lembrar que a Xunta destinou en 2016 unha partida de 800.000 euros a axudas para taxis adaptados, o que permitiu atender o 100 % das solicitudes presentadas e debidamente xustificadas.

O Goberno galego está a impulsar a implantación progresiva de vehículos adaptados e accesibles para a prestación do servizo de taxi, xa que ademais de contribuír a incrementar a competitividade do sector e ao fomento do emprego neste colectivo, tamén se lle facilita un pouco a vida ás persoas con mobilidade reducida, avanzando nese grande obxectivo da Xunta que é acadar a inclusión plena das persoas con discapacidade.

Lei do Taxi

A Xunta está a avanzar na tramitación do regulamento da Lei de transporte público de persoas en vehículo de turismo de Galicia e prevese a aprobación deste decreto para os próximos meses.

Actualmente o texto está a ser revisado coa fin de recoller as observacións da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e unha vez finalizada esta adaptación, o documento será remitido á Comisión Galega da Competencia e posteriormente ao Consello da Xunta.

Anuncios