Anuncios
Ticker de novas

Xogadoras da selección colaboran co CB Nigrán na súa homenaxe ás vítimas da violencia de xénero

Un ano máis e con motivo do Día contra a Violencia de Xénero o CB Nigrán rende homenaxe ás súas vítimas facendo un vídeo que presenta a representantes de diferentes ámbitos da sociedade como as xogadoras de baloncesto da selección española Alba Torrens e Laura Nicholls, a escritora Sonia Mirón, o actor Antonio Durán “Morris” , os futbolistas Jorge Otero e Javier Maté, así como diversos colectivos tales como o club Amfiv, o Basketmi Ferrol ou os claustros de profesores dos colexios Humberto Juanes, Carlos Casares, Cruz Camos ,Panxón e Mallón entre outros. Todos eles aparecerán no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller asasinada así como por cada un dos 7 nenos asasinados neste 2017.

Todos quixeron colaborar nesta iniciativa do Club de Baloncesto Nigrán, unha iniciativa que forma parte do traballo social que realizan desde o club, onde consideran un aspecto fundamental traballar valores a través do deporte.

Con cada un destes balóns que simbolizan ás vítimas o Club Baloncesto Nigrán debuxará un gran lazo na pista de xogo do Pavillón do Colexio de Panxón en torno ao cal se colocarán os xogadores, adestradores, directivos e familias do club, constituíndo esta foto a imaxe final que se incluirá no vídeo que o CB Nigrán produciu e que se fará público a partir do sábado 25 co obxectivo de concienciar e sensibilizar sobre esta lacra social que non cesa no seu goteo de vítimas.

Desde o CB Nigrán agradecen a colaboración de todas as persoas e entidades que quixeron participar nesta iniciativa que esperan sirva como un pequeno granito de area na loita contra a violencia machista.

Anuncios