Anuncios
Ticker de novas

O 66% dos usuarios das praias galegas considera que deberían ampliarse os areais sen fume

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Bandeira de Praias sen Fume na Ribeira.

Un total de 46 areais de 27 concellos participaron este pasado verán na iniciativa posta en marcha pola Consellería de Sanidade Rede Galega de Praias sen Fume. Segundo unha enquisa encargada polo departamento autonómico dirixido por Jesús Vázquez Almuiña, máis do 63,7% da poboación considera a iniciativa boa ou moi boa, o 66% dos usuarios pensa que debería ampliarse a outras praias e o 58% a outros espazos ao aire libre.

A devandita enquisa realizouse a finais da temporada estival co fin de avaliar a percepción e a resposta á iniciativa, tanto dos usuarios das praias como da poboación xeral. Realizouse cunha mostra de 1.350 usuarios das praias e outra de 1.000 entrevistas telefónicas á poboación residente de 18 anos en adiante.

Galicia é pioneira na creación da primeira Rede de Praias sen Fume e o obxectivo é conseguir que todos os areais do noso litoral formen parte da rede nos vindeiros anos. Actualmente a nivel nacional existen algunhas experiencias puntuais en zonas limitadas como estadios de fútbol, ou algunha praia en concreto. Esta iniciativa esta sendo moi ben valorada por outras comunidades como Canarias, Andalucía ou Cantabria, que seguindo os pasos de Galicia, están empezando a traballar na implantación de praias sen fume no seu territorio.

Os concellos participantes comprométense a identificar e sinalizar as praias cos materiais identificativos da rede facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública (bandeira, carteis..); difundir entre a poboación esta información; desenvolver no concello actividades ou accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco; e sensibilizar a sociedade dos beneficios de vivir sen tabaco. De cara ao futuro, Sanidade quere seguir aumentando a concienciación dos usuarios das praias, sen recorrer ás sancións, poñendo en valor a saúde especialmente dos mais pequenos, e continuar buscando sinerxias con obxectivos medioambientais.

A participación na Rede de praias sen fume, é voluntaria e enmárcase en tres niveis ou categorías: membro ou socio colaborador (ter declarada algunha praia sen fume), categoría de prata (ter declaradas sen fume máis do 50% das súas praias), e categoría de ouro (ter declaradas sen fume todas as praias do concello).

Praias e concellos

A provincia con máis praias e concellos adheridos á Rede é A Coruña, con 12 concellos e 22 praias, seguida de Pontevedra con 9 concellos e 17 praias e despois Lugo, con 6 concellos e 7 praias. A rede actualmente xa conta con dous concellos coa acreditación ouro -Baiona e Corcubión- máximo nivel ao que se pode optar ao declarar todas as súas praias sen fume.

As praias que forman parte da rede son na provincia da Coruña: Quenxe, Santa Isabel, do Castelo e da Coviña (Corcubión); Ornanda, Coira, Caveiro, Subigrexa, Cruceiro, Arnela (Porto do Son); da Cruz (Muxía); A Fragata (Ferrol), Bastiagueiro (Oleiros); Barraña (Boiro); Da Concha e Morouzos (Ortigueira); Río Azor (Ribeira); Esteiro e Bares (Mañón); Perbes (Miño); Mourillá (Valdoviño); Chamoso (Cabanas); na provincia de Lugo: Coto (Barreiros), O Torno (Cervo); A Rapadoira (Foz); Caolín e Vidreiro (O Vicedo); Esteiro (Ribadeo); Esteiro (Xove). Por último, na provincia de Pontevedra, Barbeira, Frades, Ribeira, Concheira, A Ladeira e Santa Marta (Baiona); Cesantes centro e Cesantes dereita (Redondela); Praia Fluvial da Calzada (Ponte Caldelas); das Canas e da Madorra (Nigrán); Area Grande (A Guarda); Melide (Cangas); Portocelo (Marín), Area de Bon e Lapamán (Bueu); e Ariño (Vilanova de Arousa).

Orixe da iniciativa

Este proxecto naceu a partir dunha iniciativa de sensibilización posta en marcha nunha praia de Baiona no año 2012. A resposta da poboación foi moi positiva e no 2016 decidiuse ampliar esta iniciativa creando a Rede Galega de Praias sen Fume. Esta rede naceu cun fin educativo e de sensibilización social, recalcando a importancia da conduta dos adultos ante os mais pequenos, como figuras modélicas que son.

Nas praias sen fume, está prohibido fumar na zoa do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia, nin sanción para o incumprimento, é unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio, e polo tanto unha responsabilidade persoal o seu cumprimento, conseguindo así a participación activa da sociedade.

Anuncios