
O Concello de Nigrán sumouse por vez primeira este sábado á sétima xornada de limpeza simultánea de praias capitaneada pola asociación ecoloxista Adega en coordinación co Campus do Mar e o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo. Unha trintena de voluntarios retiraron uns 60 quilos de lixo na praia de Panxón, fundamentalmente cabichas e pequenos anacos de plástico pero tamén cascallos, algunha nasa, liñas…
Para o correcto desenvolvemento da limpeza, que comezou ás 11:00 da mañá e durou preto de dúas horas, houbo coordinadores por cada grupo de voluntarios, achegando o Concello o material preciso para a recollida (luvas, bolsas…).
As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.
O Concello de Nigrán, como xa ven facendo co “Proxecto Ríos” de Adega que inclúe unha xornada de limpeza no esteiro do Miñor, quere concienciar tamén sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática da contaminación mariña e das algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos.