Anuncios
Ticker de novas

Repartición de puntos no encontro entre o Cereixa e o Lume Corbatas

FOTO: CEREIXA FS

Emocionante partido que enfrontaba ao último campión e subcampión da categoría. E se empataron a puntos a liga pasada e ata se repartiron as vitorias nos enfrontamentos directos, tampouco se sacaron diferenzas onte e terminaron empatando un partido disputado e con moitas alternativas.

O Cereixa Gondomar FS saíu disposto a xogar de igual a igual esquecéndose da situación na clasificación e dominou os primeiros minutos de xogo cun lategazo ao pau de Diego Rodríguez como primeiro aviso. Con todo e a pesar dos merecementos do local, sería o Lume Corbatas o que abriría o marcador nunha falta afastada desviada involuntariamente por un defensor (0-1).

O equipo recompúxose do golpe e unha gran xogada de Álex Cabral Álvarez por banda deixaba só en boca de gol a Gabriel Denis Vasconcellos que non perdoaba o empate (1-1). Acto seguido e co equipo elevado, serían os mesmos protagonistas os que case colocan o segundo, pero unha gran intervención do porteiro visitante deu paso a un roubo en ataque que acababa co balón en banda para Edu Rodríguez Pérez que se desfacía do seu marcador e batía por baixo (2-1). Quedaba pouco tempo por xogar e o visitante atoparía o empate tras unha recuperación e saída ao contra ataque (2-2).

Descanso e xogadores a vestiarios.

O local fora un pouco máis pero o porteiro visitante estaba moi seguro mantendo ao seu equipo no partido.

Na continuación e a pesar das ganas do visitante, o partido non variou en exceso. O Cereixa Gondomar FS chegaba con certo perigo e algunha resposta visitante daba emoción ao encontro. Tivo que ser Huguito Gonzálvez (quen xogou o partido infiltrado) o que marcase por baixo con algo de fortuna a 6 minutos do final (3-2).

Ao local lle quedaba aguantar o marcador pero a alegría durou pouco e o visitante volvía empatar o partido (3-3). De aí ata o final púidoo gañar calquera dos dous equipos e foi o Lume Corbatas o que a falta de 3 minutos desnivelou o electrónico co 3-4 que parecía definitivo.

O Cereixa Gondomar FS decidiu atacar de 5 e o tempo esgotábase sen que esta modificación dese bo resultado ata que a falta de 46 segundos para o final, Esteban Fernández Figueiras chegaba a un pase medido de Álex e empataba definitivamente o encontro (4-4).

Final e repartición de puntos. O local foi superior en liñas xerais pero chegou aos minutos finais por detrás no marcador, foi quen de non perderlle a cara ao partido e rescatou un punto que evidencia que a súa situación na clasificación non se corresponde co potencial do equipo.

Anuncios