As III Xornadas Ornitolóxicas reuniron en Gondomar a máis de 150 afeccionados e criadores

As III Xornadas Ornitolóxicas, organizadas pola Federación Ornitolóxica Rexional Galega, en colaboración co Concello de Gondomar, a Asociación de Criadores de Aves Exóticas de Galicia e AVIORNIS IBÉRICA, reuniu este sábado no Auditorio Lois Tobío a máis de 150 afeccionados e criadores chegados desde diferentes puntos das provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense e desde Portugal.

Tras o acto de apertura do evento a cargo do alcalde, Paco Ferreira, e do Secretario de AVIORNIS IBÉRICA, Ricardo Sobrino Vicente, comezaron as charlas impartidas por diferentes expertos. Javier Macías Rivas (Criador de Psitácidos) falou sobre a nutrición en aves; Pedro Nunes (Veterinario Especializado en Aves) mostrou a maneira de crear un aviario de forma sustentable; Francisco Javier Rodríguez Penedo (Secretario de ACAE-GALICIA) centrouse na actualidade da ornitoloxía; e Patricia Pérez Martínez (Directora Territorial adxunta do Soivre) e Laura Touriño Fernández (Enxeñeiro Técnico do Soivre) trataron no último relatorio o control de cría en catividade.

Para finalizar a xornada e despois dunha mesa redonda con todos os tertulianos, o alcalde, Paco Ferreira, fíxolles entrega dunhas cabazas pintadas elaboradas polos artesáns Anxo Prada e Noelia Fernández, veciños da parroquia de Mañufe, actuais agasallos institucionais do Concello de Gondomar.

Como broche de ouro, todos aqueles que previamente fixeron a obrigatoria reserva, gozaron dunha comida de confraternidade no Pazo da Escola de Mañufe.