Castro e Ladeira busca axudas da Deputación para as súas actividades e eventos

FOTO: CASTRO E LADEIRA // Xosé Leal, Martín Otero e Emilio Domínguez.

Dende a Asociación de Veciños Castro e Ladeira queren apostar pola nosa cultura e as nosas raíces co obxectivo de formar un grupo de música tradicional na parroquia. En outubro do 2013 comezaron as súas actividades con clases de iniciación á música, con moi boa resposta por parte dos socios. Os alumnos apoiados polo mestre deciden ensinar o aprendido no II Serán do Día das Letras Galegas, onde se dan a coñecer co nome de Estrela Destroxira. Dende entón, incorpóranse novos membros co cal deciden adquirir algún instrumento para facilitar a aprendizaxe e para poder ter a posibilidade de acudir a algunha actuación sen ter que depender de pedilos instrumentos.

Decántanse por un tambor e un bombo, xa que todos os alumnos están aprendendo percusión, e así teñen a opción de rotarse para poder tocalos. Actualmente acoden a clase moitos aprendices, sendo maioritariamente rapaces novos, estando abertos a calquera incorporación tanto da parroquia como das lindeiras.

A Asociación retomou a súa actividade en marzo do 2013 e a pesar de que os seus ingresos son moi limitados, contando case exclusivamente cas cotas anuais dos socios.

“Coa adquisición dos instrumentos, grazas á subvención concedida en decembro do 2015 pola Deputación de Pontevedra, obtivemos unha mellora considerable xa que os alumnos poderán obter un mellor aprendizaxe e tamén poderán ter actuacións”, subliña Martín Otero, presidente da entidade.

Dende aquela, sen máis subvencións obtidas nin desde o Concello nin outra administración, xa que non hai axudas para instrumentos nin vestimenta, co fin de poder actuar e ensaiar, sobre todo ao carecer de Centro Social e cando celebran os Seráns, pasan moito frío dentro do Mercado de Abastos e teñen que andar a pedir os instrumentos dos alumnos e algúns deixan de acudir a clase porque non teñen medios para mercalos.

Por iso, fai uns días mantiveron unha xuntanza o presidente Martín Otero e Vicepresidente Emilio Domínguez co deputado de Cultura, Xosé Leal, para trasladarlle o anterior e pedirlle que subvencionen instrumentos e lles dean axudas, “xa que temos un calendario extenso tanto de actividades para os veciños de Sabarís e veciños dos Concellos lindeiros, como tamén un calendario cultural extenso no que organizamos excursións, obradoiros, festas gastronómicas, seráns, actividades para discapacitados pola inclusión, etc.”, conclúe o presidente.

Anuncios